O persoal do cárcere da Lama mobilizarase contra os recortes e a privatización
Por Redacción
Con motivo da festividade de La Merced, patroa de Institucións Penitenciarias, o persoal do Centro Penitenciario da Lama participará nun encerro simbólico no interior do cárcere para mostrar o seu "rexeitamento absoluto" aos recortes e a privatización do servizo por parte do Ministerio do Interior.
A protesta, de 12,00 a 12,30 horas, está convocada para este mércores 24 pola Plataforma en defensa dun Modelo Público de Institucións Penitenciarias, ao que pertencen os sindicatos CC.OO., CSIF, UGT, ELA e FSP, que argumentan que a "política de recortes" da administración penitenciaria fai "inviable" a súa participación nos actos patronais.
A plataforma leva máis dun ano mobilizándose contra a decisión do Goberno central de "privatizar as prisións".
Entre as súas principais demandas, estes funcionarios reclaman unha convocatoria dunha Oferta de Emprego Público "abondo para garantir", segundo formularon nun comunicado, "os fins constitucionais" propios das súas funcións e "para salvagardar a integridade dos internos e dos traballadores penitenciarios".
A plataforma tamén instou o Ministerio do Interior a que "non" someta a criterios economicistas algo tan esencial, nun Estado de Dereito, como a privación de liberdade" e a que "paralice a privatización de Institucións Penitenciarias".