Silgar, Canelas, Areas e Montalvo sumaron no verán máis da metade das asistencias dos socorristas
Por Redacción
Trinta rescates a bañistas, case 1.600 atencións por feridas ou 800 actuacións por picadura de insectos. Son só algunhas das 7.307 intervencións que tiveron que realizar durante este verán os membros do equipo de socorrismo e salvamento nas praias do Concello de Sanxenxo, segundo fixo público a concellaría de Seguridade Cidadá.
En total, foron 61 os socorristas e sanitarios que estiveron a velar pola seguridade e tranquilidade dos usuarios nestes areais, dende o 1 de xullo ata o 14 de setembro. Eles foron os encargados de realizar as funcións de vixilancia e salvamento de persoas en situacións de risco ou atencións sanitarias de primeiros auxilios durante a campaña estival.
A praia de Silgar (1.375) foi a que rexistrou un maior número de operativos, debido especialmente a que este areal é o que maior índice de ocupación, chegando a superar os 6.500 bañistas de media durante o mes de agosto. Séguenlle en número de atencións nos areais, as praias de Canelas con 1.029 intervencións, Areas e Montalvo con 872 e 844 intervencións respectivamente e A Lanzada con 611.
Por debaixo de 500 atencións encóntranse as demais praias que, tanto polo seu tamaño coma polo seu risco, adoitan rexistrar un menor índice de actuacións: Caneliñas con 395, Baltar con 382, Major con 346, Pragueira con 334 ou Paxariñas con 241. Por último, o posto compartido da Lapa e Areas Gordas rexistrou 226 actuacións, Foxos 189 e Bascuas 162.
O xefe do Servizo Local de Emerxencias, Antonio Folgada, asegura que estas cifras reflicten un leve descenso con respecto ao número de incidencias da tempada anterior. Entende que isto foi motivado pola meteoroloxía, xa que o tempo foi moi irregular durante a tempada "e aínda que tivemos uns índices de ocupación moi elevados, tamén houbo xornadas nas que a presenza de persoas nas praias foi practicamente nula".