A vendima en Rías Baixas "collerá ritmo" en próximos días e dará traballo a uns 5.000 xornaleiros
Por Alejandro Espiño
Pendentes do ceo. Así comezou a vendima na D.O. Rías Baixas. Por agora fíxoo en varias adegas do Rosal, pero a finais da próxima semana "cogerá ritmo" no resto da denominación, segundo avanza o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araújo. Será entón cando se sumen as adegas do Salnés, que acumulan o groso dunha colleita que se espera que volva ser de calidade excelente.
"La cosecha está sana, la uva madura bien y equilibrada y si no hay precipitaciones tendremos un vino excelente, como es habitual", sinalou Juan Gil de Araújo. Faría falta un pouco máis de calor para alcanzar un grao óptimo de maduración, pero sen chuvia, xa que esta podería facilitar a aparición de novas pragas e provocar que a uva podreza antes de que poida ser recollida polos viticultores.
As previsións máis optimistas falan de que se recollerán uns 25 millóns de quilos de uva, pero o presidente do Consello Regulador prefire ser cauto e inclinarse por unha cifra máis próxima aos 22 millóns "porque se perdió mucha uva por el mildiu en los meses de julio y agosto". En todo caso, espera que sexa unha vendima "tranquila" e que non se produzan máis perdas nos próximos días.
Gil de Araújo destacou a importancia que o sector do viño Rías Baixas ten na economía da provincia. Asegura que as adegas facturan preto de 150 millóns de euros ao ano e dan traballo fixo a máis de 7.000 persoas. De cara á vendima, hai que contratar reforzos. Este ano serán uns 5.000 xornaleiros os que participen na campaña que durará máis ou menos tempo en función do ritmo dos traballos e das condicións climatolóxicas.
En total, unhas 12.000 persoas participarán na vendima da denominación de orixe Rías Baixas
A este respecto, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou que en todo o país "non hai unha D.O. cun proceso de evolución, calidade e éxito como Rías Baixas" e asegurou que o albariño está entre os tres mellores viños brancos do mundo. De aí que crea que, ante a petición de ampliar a denominación a adegas da comarca de Pontevedra, "calquera paso debe meditarse moito".
RUTA DO VIÿO RÍAS BAIXAS
Os datos sobre a vendima foron analizados nunha rolda de prensa celebrada na Deputación de Pontevedra para informar sobre novas iniciativas da Ruta do Viño Rías Baixas, composta por un centenar de propostas enoturísticas, entre as que se encontran adegas, aloxamentos con encanto, restaurantes seleccionados e outras entidades de ocio, e que ofrecen unha completa oferta turística en torno ao patrimonio do viño.
Trátase dunha iniciativa que, segundo Juan Gil de Araújo, recibe cada vez máis turistas, especialmente porque no sector "nos hemos mentalizado que tenemos mucho que ofrecer al turismo". O presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas espera que a ruta poida ampliarse cada vez máis e que pase a contar con persoal estable que potencie a profesionalidade e a dispoñibilidade das adegas.
Neste sentido, o presidente da Deputación destacou o "matrimonio" entre ambos os dous organismos, unha colaboración que "está a dar magníficos resultados". Recordou que nos últimos tres anos, a institución provincial investiu 300.000 euros para subvencionar esta Ruta do Viño, diñeiro que serviu para contratar persoal. Ademais, tres bolseiros do Plan Provincial de Emprego destináronse á ruta e á propia denominación de orixe.
Con respecto a novas iniciativas, Juan Gil de Araújo avanzou que nos próximos días se poñerá en marcha a ruta da vendima, que estará composta por nove visitas a diferentes adegas para que os turistas poidan ver de preto todo este proceso. Haberá autobuses que sairán de Pontevedra, Santiago e Vigo. Ademais, en novembro celebrarase un foro de debate para analizar a situación do sector.
Relacionadas:
-
Remata a vendima en Rías Baixas con menos cantidade pero maior calidade
Por Oskar Viéitez & Juan Mejuto | Creada e actualizada
-
Os viticultores farán 'escrache' ás adegas que compren uva por debaixo do prezo de produción
Por Oskar Viéitez |
-
Entre 20 e 25 millóns de quilos de uva, previsión para a vendima na D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Os 'british' buscan novos viños das Rías Baixas
Por Redacción |
-
Os produtores denuncian o "engano" da Xunta ao non convocar a mesa do viño antes da vendima
Por Anxo Lourido |
-
As chuvias deste verán provocarán unha mingua de ata un 10% na colleita de albariño
Por Redacción |
-
A escaseza de días de frío durante o inverno reducirá a colleita de albariño
Por Oskar Viéitez |