Os 'british' buscan novos viños das Rías Baixas
Por Redacción
Co obxectivo de descubrir novos viños para o mercado anglosaxón, con especial interese no mercado británico, tres profesionais vinculados á comercialización do viño visitaron estes días o territorio da Denominación de Orixe Rías Baixas, con especial interese en descubrir adegas e viños diferentes que introducir por vez primeira ao consumidor británico, ávido de novidades e gran consumidor tradicional das elaboracións desta denominación de orixe.
Con este obxectivo visitaron este xoves a sede do Consello Regulador para realizar unha cata de dez viños amparados por esta D.O. e que aínda non teñen distribuidor no mercado británico.
"Buscamos viños frescos, con certo grao de complexidade, pero doados de beber, que son as características que os nosos clientes adoitan demandar," explicaba Beth Willard, responsable da compra de viños españois para Direct Wines International.
"O máis interesante para nós é descubrir as historias que hai tras cada unha destas botellas"
"O máis interesante para nós é descubrir as historias que hai tras cada unha destas botellas, coñecer a paisaxe, o ámbito no que se crean xa que o consumidor final aprecia coñecer estes detalles, que lle describas o lugar no que se dá vida a este viño, que é o que o fai diferente", explícanos. Neste sentido Willard destacou a grande evolución que detectou nestes últimos cinco anos, dende a súa primeira visita a Galicia, no que se refire ao turismo enolóxico e á posibilidade de visitar adegas.
"En comparación con outros territorios é realmente de agradecer o gran número de adegas abertas e visitables así como as grande dispoñibilidade de degustar viños moi diferentes no mesmo territorio".
A visita desta misión inversa continuará ata a fin de semana.
Relacionadas:
-
Un prestixioso crítico cata cen viños de Rías Baixas nunha mañá
Por Redacción |
-
Unha adega de Rías Baixas, entre as 100 mellores do mundo
Por Redacción |
-
A vendima en Rías Baixas "collerá ritmo" en próximos días e dará traballo a uns 5.000 xornaleiros
Por Alejandro Espiño |
-
Aumenta un 10% a exportación dos viños da D.O Rías Baixas
Por Anxo Lourido |