Evacúan o tripulante dun barco que resultou ferido cando manipulaba un depósito de gasóleo
Por Redacción
Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron esta madrugada ao tripulante dun barco que sufriu queimaduras cando manipulaba o tapón dun depósito de gasóleo no Porto de Marín.
O suceso produciuse pouco antes das 4:00 horas da madrugada na dársena de baixura, segundo informa o servizo de Emerxencias 112, que alertou á Policía Nacional e a efectivos de Protección Civil de Marín.
Unha ambulancia desprazouse ata o lugar para evacuar o traballador ferido, de 38 anos e iniciais J.G.D., a un centro hospitalario de referencia para este tipo de lesións, o Hospital Povisa de Vigo. Presentaba queimaduras nas costas e o brazo.