O Concello manterá o convenio coa Praza de Touros por ser "claramente beneficioso" para a cidade
Por Alejandro Espiño
Case dous millóns e medio de euros. ÿ a cantidade de diñeiro que, segundo Carme da Silva, aforrou o Concello de Pontevedra dende o ano 2000 grazas ao convenio coa empresa da Praza de Touros para o uso do coso de San Roque. Ese é o principal argumento que esgrime o goberno municipal para asegurar que o convenio no futuro se manterá sempre que sexa beneficioso para os intereses do concello.
Se o BNG segue ostentando a alcaldía de Pontevedra tras as próximas eleccións municipais, sinalou a concelleira nacionalista, "seguiremos negociando coa empresa da praza de touros en función dos intereses do concello". Pero reiterou que xamais se subvencionaron as corridas de touros nin actividades relacionadas directamente coa cultura taurina, senón que dende hai quince anos só se paga polo uso do recinto para diferentes actividades.
Neste sentido, Carme da Silva recoñeceu que dende 2000, o primeiro ano no que o BNG negociou o devandito convenio, o Concello de Pontevedra abonou á empresa dos irmáns Lozano 663.708 euros. E asegurou que, sobre a base dos presupostos que manexa o goberno municipal o aluguer das instalacións e do material necesario para poder celebrar estas actividades tería ascendido a máis de tres millóns de euros.
Dentro destes usos, tanto para iniciativas organizadas polo propio Concello como para as impulsadas por terceiros e aos que se lles cede o dereito de uso, Da Silva citou expresamente a Feira Franca, a montaxe do Entroido ou a cabalgata de Reis, partidos de voleibol, rubgy e balonmán praia, unha exhibición de freestyle motocrós, magostos veciñais ou os concertos, entre outros, de David Bisbal, Serrat e Sabina, Ray Charles, Elton John, Estopa ou Hombres G.
Fronte a isto, o goberno municipal recordou que, co Partido Popular na alcaldía, se financiaban directamente as corridas de touros con cantidades que, en 1996 alcanzaron os doce millóns de pesetas (72.000 euros). Unha subvención que podería retomarse, dixo a edil de Festas, se unha "forza de obedencia estatal", das que recordou que "todas elas defenden a continuidade das touradas", consegue a alcaldía de Pontevedra o próximo mes de maio.
Actualmente, Pontevedra abona 47.5000 euros anuais á empresa que xestiona a Praza de Touros de San Roque, unha cantidade inferior aos 51.086 euros pagados entre 2007 e 2009. En todo caso, supera os 24.000 euros que se desembolsaron no ano 2000 ou os 36.000 euros de 2001 e 2002. Só no último ano, as actividades organizadas na praza terían suposto un gasto, segundo o Concello, de 273.000 euros, de non contar con este convenio.
Por iso, Carme da Silva insistiu en que este convenio é "claramente beneficioso" para a cidadanía de Pontevedra, xa que asegurou que sen este "contrato", hai actividades que serían de "difícil celebración" na cidade. De aí que reiterase, desoíndo ás críticas recibidas e ás preto de 40.000 firmas que piden a supresión deste convenio a través de Change.org, que o acordo se manterá "se chegamos a un acordo beneficioso".
Con respecto a esta oposición social, a concelleira do BNG afirmou que se a ela lle pedisen asinar polo fin das touradas "eu asinaría" e que se esta campaña tivese máis difusión "habería máis firmas porque hai un profundo sentimento antitaurino na sociedade". En todo caso, insistiu en desvinculalo dun convenio "que non ten nada que ver cos touros" e achacouno todo ao "balbordo pre electoral" ante os comicios locais do próximo mes de maio.
Relacionadas:
-
A recollida de sinaturas para pedir a supresión do convenio municipal coa Praza de Touros bate marcas
Por Redacción |
-
Touradas fóra de Pontevedra inicia unha campaña contra o convenio entre Concello e Praza de Touros
Por Diego Espiño |
-
Propoñen unha consulta cidadá entre os pontevedreses sobre o convenio taurino
Por Oskar Viéitez |
-
Os abolicionistas cuestionan as "escusas municipais" sobre o convenio taurino
Por Redacción |
-
Miguel Filgueira: "Cando entrei no BNG xa era taurino"
Por Natalia Puga |
-
Máis de 30.000 sinaturas en once días para que se suprima o convenio municipal coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
O Goberno local afirma que "está analizando con calma" o convenio da Praza de Touros
Por Redacción |