A Garda Civil desarticula un grupo organizado ao que se lle imputan máis de medio centenar de roubos
Por Redacción
A Garda Civil dá por esclarecido a comisión de máis dun centenar de roubos e furtos cometidos durante os últimos catro anos na comarca do Salnés tras a investigación realizada dende o Posto de Cambados e que culmina coa detención dunha decena de persoas. A todos os arrestados se lles imputan delitos contra o patrimonio por roubos e furtos cometidos en Cambados, Ribadumia, Meis, Meaño e Vilanova de Arousa. A dous deles súmaselles outro de tráfico de drogas.
O grupo desarticulado, que operaba dende polo menos o ano 2010 na comarca, vincúlaselle con roubos en naves industriais, instalacións deportivas, garaxes e edificios. A súa actividade delituosa incrementouse no último ano. Xa cometera roubos en casas desocupadas pero, nos últimos meses especializáronse en vivendas habitadas.
Entre outros feitos, impútanselles oito roubos noutras tantas casas vacacionais ou de fin de semana da zona do Terrón, no municipio de Vilanova de Arousa. Os ladróns aproveitaban as saídas ou ausencias dos propietarios da vivenda para levarse o mobiliario e os electrodomésticos.
Polo menos seis granxas foron tamén vítimas deste grupo, que se facía con ferramentas e animais. Subtraeron porcos, galiñas, gansas e tenreiros, lográndose recuperar de momentos dous tenreiros que xa foron devoltos ao seu lexítimo propietario.
A banda cambiaba de obxectivo segundo a época do ano. Durante a vendima, eles facían a súa recollida ilegal de Albariño durante a noite en terreos de Rías Baixas e logo vendíanas a algunha adega. Estes feitos repetíronse en, polo menos catro viñedos de Ribadumia e Meaño durante as campañas do 2012 e 2013.
Instalacións públicas como campos de fútbol ou colexios, a estación experimental de viticultura de Leiro, en Ribadumia ou depósitos arqueolóxicos forman parte dos escenarios nos que actuou este grupo.
A investigación permitiu localizar numeroso material e gran parte puido ser xa devolto aos seus propietarios legais. Os obxectos intervidos ocuparían un almacén enteiro pola variedade e cantidade do material.
No botín hai, entre outros moitos produtos, unha formigoneira, unha embarcación auxiliar, cinco rozadoras, sete amoladoras, dúas sulfatadoras, catro motobombas, tres serras eléctricas, tres carabinas de aire comprimido, dúas pistolas pneumáticas, dous arpóns e numerosos electrodomésticos.
Detidos:
A M.S.I., de 33 anos e veciña de Vilanova de Arousa e a A.D.A, de 28 anos e veciño de Sanxenxo, impútaselles ademais dos delitos de roubo e furto, o de tráfico de drogas.
Os outros oito arrestados son:
- S.F.N., de 32 anos e veciño de Ribadumia.
- S.F.N., de 27 anos e veciño de Ribadumia.
- A.P.C., de 23 anos e veciño de Ribadumia.
- J.A.P.M., de 35 anos e veciño de Vilanova de Arousa
- D.M.M.R., de 29 anos e veciño de Ribadumia.
- J.P.A., de 32 anos e veciño de Cambados.
- D.C.G, de 23 anos e veciño de Vilanova de Arousa
Tanto os detidos coma o material intervido foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Cambados, encargado do caso.