Impulso ao abastecemento de varios núcleos rurais da Lama
Por Redacción
O abastecemento de varios núcleos rurais do Concello da Lama recibiu un pequeno impulso este luns coa adxudicación de obras por valor de 62.478,54 euros nos lugares de Fentosa-Campo, Ventoselo, Paradela e Gaxate.
A Deputación Provincial de Pontevedra adxudicou á empresa Endenor Mantenimiento y Servicios S.L. unha actuación que ten obxectivo de seguir avanzando na ampliación do abastecemento de auga, para tratar de achegar este servizo a todos os núcleos do municipio.
As obras incluirán a construción de dous novos depósitos de 50 metros cúbicos cada un (un en Ventoselo e outro en Fentosa-Campo) e as correspondentes conducións a todos os núcleos.
A Deputación de Pontevedra celebrou este luns un Pleno Extraordinario co obxectivo de designar á representante da institución provincial na Fundación Galicia Obra Social. A elixida foi a actual directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, e o seu nomeamento deu lugar a unha sesión bronca.
A designación foi aprobada cos votos favorables do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG-PSOE. O voceiro socialista, Santos Héctor, explicou esta postura contraria argumentando que só apoiarían a Marta Lucio en caso de que se comprometera a reivindicar na Fundación Galicia Obra Social que a sede deste organismo siga a ser Vigo e non se traslade para A Coruña tal e como se ten anunciado.
Santo Héctor botou en cara ao PP que o Goberno popular da Xunta de Galicia está a permitir que se desmantele o peso de Vigo en diversos ámbitos, ao que o presidente provincial, Rafael Louzán, respondeu acusándoo de facer "política chavista" para conseguir "rendemento político", pois tanto o presidente galego, Alberto Núñez Feijoo como seu Executivo están a facer unha inversión histórica en Vigo e non están a desmantelar a cidade.
O voceiro do Grupo provincial do BNG, César Mosquera, xustificou a súa abstención porque nas últimas comisións celebradas para preparar o Pleno Extraordinario non se dera o nome de Marta Lucio. Louzán explicou que non se puido dar o nome aos voceiros nas reunións porque a súa proposta de designación non se pechou ata o xoves, cando a viguesa aceptou o nomeamento e a Xunta respondeu ás dúbidas da Deputación sobre os estatutos da Fundación.