Completan con éxito o primeiro implante en Pontevedra dun marcapasos resincronizador
Por Redacción
Un paciente de 72 anos someteuse con éxito á primeira implantación dun marcapasos resincronizador na cidade de Pontevedra a través dunha operación realizada no Hospital Miguel Domínguez. Trátase dun dispositivo específico para pacientes con miocardiopatía dilatada que se comezou a utilizar na última década en distintos centros hospitalarios.
A operación foi realizada por un equipo dirixido polo doutor Rodrigo Medina, que contou coa colaboración do cardiólogo Luís Martínez Sande do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Este dispositivo novedoso conéctase ao corazón a través de tres cables, e non un ou dous como os marcapasos máis convencionais. Ademais, o terceiro destes electrodos alcanza o seo coronario co fin de estimular o ventrículo esquerdo, nun punto de moi difícil acceso.
O Hospital Miguel Domínguez tamén foi pionero en Pontevedra na colocación de marcapasos desfibriladores hai algúns anos. Estes novos dispositivos incorporan á función desfibriladora a de resincronización, que permite mellorar o bombeo en caso de mal funcionamento por dilatación e debilitamiento.
A intervención realizouse o pasado 26 de xuño a un paciente con antecedentes de cardiopatía isquémica, episodios de angina e enfermidade coronaria multivaso. O risco nestas operacións é que un terzo das persoas que se someten a esta intervención non responden de forma positiva ao novo marcapasos. Neste caso si houbo resposta positiva.