Un dispositivo especial da Policía Local garantirá a seguridade nos fogos de fin de festas
Por Redacción
Os actos centrais das Festas da Peregrina 2014 chegan ao seu fin este domingo e, como cada ano, o remate virá das mans dos fogos de artificio que se tirarán dende o peirao das Corvaceiras. Para garantir que se celebren sen incidencias, a Policía Local de Pontevedra deseñou un operativo especial de seguridade.
O operativo porase en marcha ás 23.30 horas co obxectivo de que todo se atope a punto cando ás 00.00 horas comece a tirada de fogos. A primeira medida será, dende esa hora, o peche ao tráfico rodado das inmediacións do peirao de Corvaceiras. O corte durará ata o remate dos fogos.
Os vehículos procedentes de Marín serán desviados pola rúa Manuel de Palacio; os que cheguen dende o Paseo de Colón deberán ir pola rúa Monteleón cara á avenida de Uruguai; para o tráfico que veña pola avenida de Uruguai con destino ás Corvaceiras o desvío será pola rúa Xofre de Tenorio; e na rúa dos Peiraos a circulación quedará pechada e deberá facerse en sentido Ponte Novo Palamios.
A Policía Local recomenda que o tráfico de saída cara a Marin se realice por Xosé Malvar e comunica que os vehículos que circulen pola avenida de Uruguai cara á avenida de Marin serán derivados da rotonda de Uruguai á altura da Barca cara á avenida Bos Aires e Xosé Malvar.
Ademais, a Policía Local de Pontevedra establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto da tirada dos fogos de artificio. O corpo policial fai un chamamento ao poboación que acuda a ver os fogos para respecten o límites das vallas de seguridade.
Dacordo coa normativa reguladora (Orde de 20 outubro do 1988 ) o Concello de Pontevedra dispón dun plan de actuación de emerxencias para este tipo de espectáculos e na que participan a Policía Local, os Bombeiros, Protección Civil, servizos sanitarios e técnicos en pirotecnia.