O kamikaze da autovía do Salnés perderá o permiso tres anos e medio máis
Por Redacción
O condutor kamikaze interceptado pola Garda Civil na autovía do Salnés circulando en sentido contrario aceptou a retirada do carné de conducir durante tres anos e medio. Este período aplicarase unha vez que remate a sanción vixente, xa que o home xa tiña o permiso retirado por sentenza xudicial no momento no que cometeu o seu último delito.
B.V.G., veciño de Pontevedra de 60 anos, someteuse a un xuízo rápido no Xulgado de Caldas por tres delitos contra a seguridade vial. Recoñeceuse autor e conformouse coa petición de condena do fiscal, que inclúe a retirada do carné, pero tamén tres condenas a maiores e o comiso do vehículo de alta gama no que circulaba.
As outras condenas son de 14 meses de multa por un delito, sete meses de multa por outro e seis meses de prisión computables por unha multa polo terceiro. As multas son a razón de cinco euros diarios.
Os feitos sucederon sobre as 18:30 do xoves 22 de novembro. A Garda Civil de Tráfico tivo coñecemento da súa conduta ao volante dun vehículo de alta gama a través das chamada de varios particulares. As persoas alertaron que circulaba pola autovía do Salnés en sentido contrario dirección Pontevedra á altura da saída de Meis.
Pouco despois, unha patrulla de Tráfico interceptouno á altura de Curro (Barro). Antes deulle tempo a percorrer uns 15 quilómetros polo carril dirección Sanxenxo, co conseguinte risco para os demais usuarios da vía. Tras dar positivo en alcoholemia, foi detido por conducir sen carné e por facelo de forma temeraria.