Máis iluminación no Nadal para combater a crise
Por Redacción
O 5 de decembro ás 18:30 h. na Praza da Ferrería inaugurarase a iluminación para as festas do Nadal. Na céntrica Praza instalarase a árbore do Nadal que, nas anteriores festas, se situara na Praza de España. E as panxoliñas acompañarán esta posta en marcha da iluminación cunha actuación da Coral Bela Helenes e o quinteto de metal Hércules Brass.
Nestas festas haberá tamén Cantos do Nadal o 21 e o 29 de decembro a cargo de Maravallada e Trepia realizará Danzas de Nadal, o 22 e o 28 do mesmo mes. O 4 de xaneiro, os Chichisos serán os protagonistas do tradicional Cantar dous Reis.
A iluminación destas festas por parte do Concello realízase en colaboración coa Asociación de empresarios AEMPE para coordinar a súa instalación nas rúas coa finalidade de que os adornos lumínicos axuden a mellorar o consumo no Nadal ante a caída que está prevista por parte dos comerciantes. A adxudicación desta iluminación realízase a través dun concurso por un montante de case 80 mil euros no que tamén se inclúen as Festas do Verán e o Entroido. E adxudicouse, segundo informou a concelleira de Festas, Carme Da Silva, precisamente á empresa que presentou melloras para a iluminación do Nadal.
Estará en funcionamento ata o Día de Reis con horarios de 18 h. a 1 da mañá salvo nos días 24 e 31 na que permanecerá acendida ata a madrugada.