Retiran menos refugallos sólidos do río Lérez dos que se prevía inicialmente
Por Redacción
Os mergulladores contratados polas empresas Cespa e Viaqua para retirar residuos sólidos do fondo do río Lérez remataron este xoves cos traballos de limpeza. Desde o goberno municipal sinalan que o balance é satisfactorio, toda vez que o número de refugallos que houbo que extraer foi menor do previsto.
Troncos, tocóns de madeira, carriños de mercar, pneumáticos, unha nasa, algún sinal de tráfico, papeleiras, valados de obra, táboas de madeira, tubos metálicos, paraugas, cadeiras, varais de obra e algúns plásticos forman parte do inventario da recollida.
Os traballos consistiron en dous percorridos entre a ponte da Barca e a praia fluvial, primeiro pola marxe das xunqueiras e despois pola da cidade.
Na primeira batida fixeron unha inspección visual e recolleron algúns obxectos de menor dimensión, e na segunda xa retiraron os elementos de maior volume. Para isto foron auxiliados por un camión dotado cun guindastre.