Pechan as rúas Alameda e Raíña Vitoria ata despois das Festas da Peregrina
Por Redacción
As rúas Raíña Vitoria e Alameda pecharanse ao tráfico a partir deste martes 5 de agosto ás 23.00 horas. Esta restrición na circulación rodada ven obrigada, como ven sendo habitual por estas datas, por mor das festas da Peregrina e a instalación en ambas zonas das atraccións.
Segundo informa a Policía Local, xa está colocado o valado coa sinalización de prohibido o estacionamento nas rúas Martitegui, Alameda e Raíña Vitoria. Na primeira delas, xa a partir das 15.00 horas, mentres que nas outras dúas será tralo remate do horario de servizos.
No caso de Raíña Vitoria, o corte de tráfico terá lugar dende a entrada e saída do aparcadoiro da Alameda ata o cruce coa rúa Palamios; mentres que en Alameda será dende a rotonda de San Roque e Paseo Colón ata a rúa Enrique Marescot, no ámbito da Subdelegación Goberno.
Ademais, outras rúas veranse afectadas por este operativo.
Na rúa Echegaray restrínxese a circulación agás para residentes e servizos. O acceso farase pola rúa Maestranza, por diante da Facultade de Belas Artes e o Ambulatorio Virxe Peregrina. Na rúa San Roque só os residentes poderán acceder dende Corbaceiras ata rúa Alameda e dende Paseo Colon haberá que dirixirse obrigatoriamente cara as Corbaceiras, salvo que se pretenda acceder ao aparcadoiro soterrado de Montero Ríos.
Por último, Xeneral Martitegui inverterá o seu sentido de circulación co fin de permitir o acceso a Maestranza e Echegaray e ao aparcadoiro da Praza España. A parada de taxis da Alameda trasladarase tamén durante estes días a Xeneral Martitegui.