Sanxenxo ordena o peche "inmediato e urxente" dos apartamentos Playa Canelas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534da8df593cb-precintoapartamentosplayacanelas.jpg)
© Concello de Sanxenxo
Sanxenxo ordenou o "cesamento inmediato e urxente da actividade" dos apartamentos turísticos Playa Canelas, sobre os que pesa unha sentenza firme que anula as licenzas de obra e de actividade e obriga a súa demolición.
O departamento de Urbanismo do Concello de Sanxenxo emitiu un oficio aos promotores de Playa Canelas no que se lles insta a retirar o mobiliario e os aparellos existentes de maneira que o inmoble quede nas condicións necesarias para dar cumprimento á sentenza e demoler a estrutura.
En caso de que os apartamentos non estean baleiros cando se cumpra o prazo concedido por Urbanismo, o Concello executará a sentenza de todos os xeitos e, para iso, anuncia que "se valerá dos medios legais que o asisten, que inclúen a utilización da forza pública se fose necesario". O escrito enviado advirte tamén de que, de ser así, os feitos se poñerían en coñecemento da autoridade xudicial co fin de que se depuren as posibles e eventuais responsabilidades penais nas que puidese incorrer, tal e como se fixo en dúas ocasións nas últimas semanas.
O Concello recorda que o negocio foi precintado o pasado mes de outubro, pero Urbanismo tivo que requirir varias veces ao responsable dos apartamentos turísticos o cumprimento desta orde, á que fixo caso omiso, como ratificou a Policía Local.
Os promotores deste negocio pediran permiso para levantar un edificio composto por semisoto, planta baixa e dous pisos. Non obstante, o construído non se axusta á legalidade vixente e, por iso, os apartamentos turísticos non dispoñen dos permisos obrigatorios para a súa explotación.
En xuño de 2011 a Xerencia Municipal de Urbanismo xa ordenou a demolición do inmoble e a clausura da actividade, en cumprimento do fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).