Foxe dun control de Tráfico bébedo e drogado, pon en perigo outros condutores e agride o axente que o detén
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6a5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5391ca4575-dsc_0548.jpg)
© Guardia Civil de Pontevedra
Un condutor que circulaba bébedo e drogado foi detido este domingo por tres delitos contra a seguridade vial; atentado e desobediencia a axentes de autoridade, lesións e danos tras protagonizar unha fuxida por distintas vías e rúas de Cambados intentando escapar dun control de alcoholemia e, cando foi detido, agredir un garda civil.
Segundo informou a Garda Civil de Pontevedra, os feitos aconteceron na estrada PO-550 en Cambados. Efectivos do subsector de Tráfico estaban a realizar un control e ordenaron o condutor dun turismo Peugeot que se detivese, pero fixo caso omiso.
Nese momento, o condutor acelerou a marcha e iniciou unha fuxida a gran velocidade por distintas vías e rúas do centro de Cambados. Nalgunha delas circulou en sentido contrario ao establecido, poñendo en perigo os demais usuarios.
Ademais, na súa fuxida, chegou a colisionar por raspado con outros vehículos, ata que foi finalmente interceptado por unha patrulla de Tráfico. Aconteceu nunha rúa sen saída, onde os axentes baixáronse do vehículo para proceder á súa detención e o condutor resistiuse a ser detido, causando lesións leves a un dos compoñentes da patrulla.
Os axentes realizáronlle un control de alcoholemia e sometérono ao narcotest, dando un resultado positivo en ambas as dúas. Nese momento foi detido por tres delitos contra a seguridade vial: carecer de permiso de conducir pola perda total de puntos, conducir baixo os efectos de alcohol e drogas e conducir con manifesto desprezo pola vida dos demais.
Ademais, atribúenselle os delitos de atentado e desobediencia a axentes de autoridade, de lesións e de danos. O detido, que carece de antecedentes, será posto a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.