Facenda dá un prazo de seis meses aos emigrantes retornados para regularizar a súa situación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Seis meses de prazo terán todos os emigrantes retornados que cobran unha pensión procedente do estranxeiro para regularizar a súa situación sen que haxa sanción ningunha. Así o anunciou este venres o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Devolveranse ademais todas as cantidades que cobrou en recargas e sancións a estes xubilados dende o inicio dun proceso que desatou as iras deste colectivo.
O Goberno, polo tanto, rectifica e aproba esta medida de carácter extraordinario, baseándose principalmente nas características destas persoas. Trátase de pensionistas de idade avanzada que teñen maior dificultade para coñecer a lexislación española por residir moitos anos no estranxeiro e que, en xeral, non teñen grandes fortunas. Todos eles percibían pensións que non declararan correctamente no IRPF.
Dende xaneiro de 2015, os contribuíntes afectados terán a oportunidade de poñerse ao corrente das súas obrigas tributarias pendentes polas devanditas rendas, ingresando o 100% da cota correspondente. Serán exonerados así de satisfacer sanción, recargas ou intereses de demora. ÿ aplicable tanto a pensionistas estranxeiros residentes en España coma a pensionistas españois que retornaron tras ser emigrantes.
Así mesmo, establécese a condonación por lei das sancións e recargas liquidadas pola Administración ao regularizar este tipo de pensións. De igual forma, para que non se vexan prexudicados aqueles contribuíntes que xa regularizaran a súa situación debendo aboar recargas, condónase por lei as citadas recargas e sancións. Todo ese diñeiro será devolto aos afectados.
OS AFECTADOS NON SE FÍAN
Tras coñecer esta medida, os afectados comezaron a valorar o anunciado polo Goberno. Desde a Plataforma do Salnés celebran que o Goberno rectifique e atenda as demandas realizadas polos emigrantes retornados galegos, tras máis dun ano de "permanentes e intensas" protestas. Con todo, consideran que estas modificacións que se farán a través da reforma fiscal "segue sendo insuficientes" e anuncian que seguirán mobilizándose.
Aseguran que con este cambio de postura, queda en evidencia que foron cobrados "indebidamente" sancións e intereses aos emigrantes retornados, un feito que consideran un "roubo dos nosos cartos". Pero lamentan que non se aclare como vai a facer a devolución deste diñeiro e esixen que se faga de oficio e a todas as persoas afectadas con carácter universal.
Solicitan ademais que esta medida non se aplique con carácter retroactivo e que a regularización afecte aos ingresos devengados no 2014 e non antes. Igualmente piden que se facilite a cada persoa afectada unha información "veraz, clara e individualizada" en relación coa obriga ou non de incluír nas declaracións os ingresos procedentes do estranxeiro e que as súas pensións non tributen a tipos superiores que as que son percibidas do estado español.