Os delitos e faltas redúcense en Pontevedra un 5,3% no primeiro semestre
Por Redacción
Pontevedra é a terceira cidade galega con máis de 50.000 habitantes na que máis descendeu a criminalidade durante o primeiro semestre de 2014, só superada por Ourense e Vigo. O último balance de criminalidade feito público pola Delegación en Goberno en Galicia revela que entre xaneiro e xuño se reduciron as infraccións penais (delitos e faltas) na Coruña (-3,2%), Ourense (-10,1%), Pontevedra (-5,3%) e Vigo (-5,9%), mentres que se incrementan en Lugo (0,8%), en Ferrol (4,9%) e en Santiago (4%).
Galicia continúa coa tendencia á baixa na súa taxa de criminalidade (infraccións penais por cada 1.000 habitantes) que, co 28,6, a sitúa como a terceira Comunidade Autónoma con menor taxa de criminalidade, e por debaixo da media de España, que se sitúa en 45,1.
Na provincia de Pontevedra, o cómputo global de delitos e faltas coñecidos polos distintos corpos policiais na capital pasa de 1.517 en 2013 a 1.436 en 2014. En Vigo, a evolución tamén supón unha variación á baixa, pasando de 5.414 en 2013 a 5.097 en 2014.
Por provincias, continúa o descenso no cómputo total de delitos e faltas no primeiro semestre do ano en todas, sendo o de Pontevedra o segundo máis acusado, cun 6,5 menos, tan só superado polo 12,9% de Ourense. A Coruña (-1,8%) e Lugo (-3%) presentan reducións máis moderadas.
Por tipoloxías penais, o balance en Galicia mostra que o conxunto dos indicadores experimentan un descenso: delincuencia violenta (-12,1%), roubos con violencia e intimidación (-23,7%), roubos con forza (-13,6%), roubos con forza en domicilio (-12,2%), subtracción de vehículos (-7,7%), tráfico de drogas (-4.4%), danos (-9,6%) e furtos (-2,6%), manténdose en idénticos parámetros os homicidios e asasinatos consumados (un total de 9 casos).