Detidos "in fraganti" dous veciños de Sanxenxo que substraían gasoil dun camión
Por Redacción
A crise provoca un aumento en furtos e roubos do máis peculiar. O último exemplo atopámolo en Meaño. Dous veciños da localidade pontevedresa de Sanxenxo foron detidos pola Garda Civil. Foron pillados "in fraganti" mentres subtraían gasoil do depósito dun camión que estaba aparcado na vía pública.
A ambos os detidos, que responden ás iniciais J.M.S.C., de 32 anos de idade e C.G.B., de 31 anos, impútaselles un delito de roubo con forza nas cousas.
A detención produciuse esta pasada madrugada no municipio de Meaño. Unha patrulla da Garda Civil sorprendeu a estes dous homes cando, logo de forzar o tapón do depósito de combustible dun camión marca Scania, modelo 640, que estaba estacionado na vía pública, intentaban subtraer o gasoil do mesmo.
Tras ser descubertos polos axentes, déronse á fuga, aínda que foron rapidamente interceptados e trasladados ao cuartel da Garda Civil de Sanxenxo.
Foi alí cando comprobaron que a J.M.S.C., ademais de constarlle amplos antecedentes policiais, tiña unha orde de busca, detención e ingreso en prisión asinada polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, polo que foi trasladado ao Centro Penitenciario da Lama.
Pola súa banda, C.G.B., quedou en liberdade coa obrigación de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados nas próximas horas.