Teño un amigo policía
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Que vean a la Policía como cercana, al policía como un amigo". Con este obxectivo, o Corpo Nacional de Policía citou este luns ás asociacións Juan XXIII, Down Pontevedra Xuntos, Virgen de la O e Special Olympics Galicia na explanada da Illa das Esculturas.
Coches e motos policiais, axentes, cabalos e todo tipo de medios dispuxéronse para recibir os visitantes e explicaron o seu traballo e o funcionamento dos seus equipos, dando a oportunidade aos usuarios das distintas asociacións de subirse nos vehículos, activar as sereas e preguntar todas as dúbidas que lles xurdan sobre o funcionamento do Corpo Nacional de Policía.
María Franco, da asociación Juan XXIII, valora a iniciativa porque os usuarios do seu centro, todos eles con algunha discapacidade, "pueden conocer mejor el trabajo del Cuerpo" e que a Policía "sea más cercana a los chicos del centro, que tengan una referencia de la Policía más positiva".
Este tipo de actividades é habitual en Juan XXIII, que xa realizou tamén unha visita á Comisaría e á Xefatura da Policía Local, pero a novidade deste luns é que puideron compartir a experiencia con outros colectivos de persoas con discapacidade e coñecer unha ampla variedade de recursos policiais.
O delegado de Participación Cidadá da Comisaría, Manuel Vázquez, quere trasmitir, a través desta actividade, que "el ciudadano es el principal motor de la Policía" e que se trata dun Corpo de Seguridade moi conectado coa sociedade para que teñan confianza no Corpo e nos seus axentes.
Para conseguir unha maior identificación dos usuarios das distintas asociacións con todo o traballo policial, explicáronlle o seu traballo axentes de distintos departamentos, entre eles a Brigada de Policía Científica, Seguridade Cidadá, Participación Cidadá e Unidade de Cabalaría, moitos deles con demostracións prácticas como a toma de pegadas do capó dun coche cos axentes da Policía Científica ou a opción de comunicarse a través dos dispositivos de comunicación interna dos axentes.