Chega o xeado de albariño
Por Oskar Viéitez
Despois doutras experiencias máis ou menos afortunadas como o xeado de nécora, o de cogombro, o de tetiña con marmeleiro, o de foie ou o de queixo fresco con marmelada de figos, chega un novo sabor ás xeadarías: xeado de albariño.
Unha xeadaría de Pontevedra e unha adega de Rías Baixas uníronse para producir esta singular iniciativa que se realiza de forma totalmente artesanal e non contén ningún tipo de conservante nin aditivo.
O xeadeiro apunta que "buscabamos un sabor singular, que fose natural e fresco e realizado con produtos da terra", mentres que na adega afirman que "nos parece un xeito diferente de gozar do noso viño e máis en verán".
Os que o probaron destacan que a textura deste xeado é cremosa ao padal, moi similar ao sorbete.
O xeado, elaborado a partir dos viños da adega Paco y Lola, poderá atoparse nas xeaderías que La Metro ten en Pontevedra, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.