A dor pélvica vai analizarse nunhas Xornadas no Pazo da Cultura en outubro
Por Redacción
A dor pélvica é unha síndrome crónica que afecta a arredor dun 15% das mulleres e que se prolonga durante máis de 6 meses. Pontevedra acollerá o 2 e o 3 de outubro de 2014 as primeiras xornadas de dor pélvica crónica na muller dende unha perspectiva uroxinecolóxica a petición da Sociedade Española de Xinecoloxía. Ata o momento, nunca se abordara esta patoloxía de xeito independente e a través dun tratamento multidisciplinar como se vai realizar nestas xornadas.
O xinecólogo do Hospital de Pontevedra e organizador deste evento, Eloy Moral, presentaba no Concello de Pontevedra en compañía do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores esta cita á que acudirán preto de 300 especialistas de toda España e persoas interesadas nesta síndrome, que tamén se pode detectar en homes.
Segundo expoñía Eloy Moral, estas dores poden chegar a afectar ao sistema nervioso, de forma que o síntoma adquira vida propia. Normalmente, a causa primaria que desenvolve a dor deixa de existir no órgano pero o cerebro interprétao como presente e por iso, sinalaba o xinecólogo, é necesario utilizar fármacos que non son os habituais e, mesmo, o tratamento a través de psicólogos.