Urbanismo autoriza a reapertura de dúas cafeterias de Sanxenxo ás que suspendera a actividade
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo autorizou a reapertura dos dous locais de ocio aos que o pasado venres suspendeu a actividade tras detectarse anomalías no funcionamento da instalación de control de son.
Tal e como foran requiridos na resolución municipal notificada, os responsables de ambos os dous establecementos, situados na avenida de Madrid e no Porto Deportivo, presentaron o documento de verificación do correcto funcionamento do sonógrafo, rexistrador e limitador, de obrigada instalación naqueles negocios que produzan unha perturbación por ruído ou vibracións por máquinas, fontes musicais ou actividades que xeren niveis non constantes.
Ademais, os datos recollidos neses equipos deben ser remitidos diariamente ao sistema de inspección contratado pola Administración local, xa que no caso contrario ou ante a detección dalgunha anomalía pode ordenarse a suspensión preventiva da actividade, segundo recolle a Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente e contra a Contaminación Acústica.
Dende o Executivo sanxenxino recordaron que ambos os dous locais xa foron obxecto de medidas como esta con anterioridade, un deles tras a campaña de Semana Santa, por incidencias no control do son, o que deriva en constantes denuncias dos veciños das vivendas anexas que ven alterado gravemente o seu descanso en canto os establecementos non respectan a normativa.