Rexeitan por terceira vez a creación dun Máster en Educación no campus de Pontevedra
Por Redacción
A pesar dos esforzos do alumnado do Grao en Educación Primaria e Infantil do campus de Pontevedra, a Universidade de Vigo rexeitou por terceira vez a creación dun Máster en Educación na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, un complemento formativo que, segundo aseguran, lles axudaría a mellorar as súas posibilidades laborais e de formación.
Os alumnos consideran que é "totalmente inxusto" que se concedesen outros máster na Universidade de Vigo "que non contaban co apoio activo do alumnado implicado" e que o de Educación, "un dos eixos fundamentais na nosa sociedade", fora rexeitado. Recordan ademais que a universidade pontevedresa é a única do Sistema Universitario de Galicia que non o aprobou, xa que si o fixeron as de Santiago e A Coruña.
Lamentan que o Consello de Goberno e o equipo reitoral fixeran "ouvidos xordos" ás súas peticións, reiteradas a través dunha carta e recollida de firmas entregadas por rexistro aos organismos pertinentes. "Semella que pedir un Máster en Educación para darlle unha saída e opcións de futuro ás nosas titulacións non é unha reivindicación digna nin xusta para eles e que contar con máis de 260 apoios en tres semanas non é suficiente para ser escoitado", denuncian.
Con todo, aseguran que o alumnado do Grao en Educación Infantil e Primaria non se vai dar por vencido. "Por moitas pedras que atopemos no camiño, non imos deixar que nos corten o noso futuro como mestres", sinalan nun comunicado. "Estamos totalmente indignados con esta situación e non imos deixar de loitar por aquilo que consideramos xusto e lexítimo". Avanzan que "non pararemos" ata conseguir esta "opción de futuro" para as súas titulacións.