O alumnado do campus mobilízase para reclamar un Máster en Educación
Por Natalia Puga
O alumnado do Grao en Educación Primaria e Infantil do campus de Pontevedra comezou a moverse a través de Internet para reclamar o Reitorado da Universidade de Vigo que se cree un Máster en Educación na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que lles axude a mellorar as súas posibilidades laborais e formación.
Os promotores da iniciativa amosan a súa "desesperación" á hora de intentar atopar unha saída ás súas titulacións e indican que non ter un Máster en Educación implica unha titulación sen continuidade e, consecuentemente, "unha falta inxustificable na nosa formación como futuros mestres".
A reivindicación deste Máster non é algo novo. A Xunta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xa presentou en dúas ocasiones a petición ao Reitorado e foi rexeitada. Segundo o alumnado, nos vindeiros días volverase presentar, de modo que decidiron crear unha petición na plataforma Change.org para xuntar apoios á súa reivindicación. Na súa opinión, a Educación é unha titulación estratéxica para a Universidade de Vigo polo que non comprenden que esta formación especializada fora rexeitada en dúas ocasións.
De acordo coa Declaración de Interese presentada na Xunta de Facultade, consideran urxente ocupar este baleiro nos seus estudos. A Xunta sostén que este master é de interese estratéxico para a Universidade de Vigo polo seu interese institucional e comunitario, académico, profesional e científico.
Ademais, defenden que este máster é susceptible de converterse en interuniversitario, de carácter internacional, pois xa existen contactos con universidades latinoamericanas interesadas nel, tales como a UNAM de México e universidades de Chile e Arxentina ou europeas de Portugal, Finlandia, Alemaña, Bélxica, Italia.