O BNG responsabiliza á Xunta do abandono de Castiñeiras e insta a tomar medidas inmediatas
Por Redacción
O BNG de Marín e Vilaboa insta á Xunta de Galicia a adoptar "medidas inmediatas" para a conservación do Parque de Castiñeiras, entre as que deberían figurar o mantemento do lago, a sinalización turística, o uso dos asadeiros, o coidado das árbores e a posta en valor do patrimonio e das rutas ambientais.
Concelleiros nacionalistas de Marín e Vilaboa e o deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Rodas visitaron o Parque do Lago de Castiñeiras para denunciar o seu estado de abandono e anunciar as iniciativas presentadas a través da Cámara instando ao Goberno Galego á conservación e dinamización do parque, pois entenden que son os responsables do mesmo.
Os nacionalistas insisten en que o lago artificial de Castiñeiras e o seu entorno, actualmente baixo a xestión da Consellería de Medio Ambiente, constitúe un dos productos turísticos máis demandados de toda a comarca do Morrazo e a súa importancia transcende en moito á dun simple espazo de esparexemento.
A portavoz do BNG en Marín, Pilar Blanco, afirmou que o estado actual do parque presenta unha "degradación sen precedentes" causada pola falta de xestión e mantemento por parte da Consellaría ao longo dos últimos anos e que o abandono non se limita ao parque, tamén afecta aos accesos, que son competencia do Concello de Marín e "están sen rozar incumprindo a lei contra incendios".
A tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, centra as súas críticas na Ruta das Mámoas, que supuxo a rehabilitación de 19 mámoas e a construción dunha senda de máis de sete quilómetros co obxectivo dar a coñecer a impoñente riqueza arqueolóxica e paisaxística desta parte do Morrazo a través do sendeirismo de Montaña. Denuncia que "o proxecto foi abandonado cando o PP accedeu ao goberno da Xunta no ano 2009 e aínda hoxe non foi instalada a sinalización turística que quedara pendente".
Os nacionalistas realizan unha batería de preguntas ao Parlamento solicitando información sobre a dotación orzamentaria, persoal e as previsións da Xunta sobre o Parque de Castiñeiras e instan á Administración autonómica a que acometan as citadas "medidas concretas" para a conservación e dinamización do parque a través dun documento que analice a problemática deste área e detalle os criterios de coordinación entre as diferentes administracións e colectivos sociais que teñen interese na zona.