Perera, Iván Fandiño, Daniel Luque, Ponce, Castella, Abellán ou 'El Juli', atractivos da Feira da Peregrina 2014
Por Alejandro Espiño
Miguel Ángel Perera, Iván Fandiño e Daniel Luque, os tres grandes triunfadores da pasada Feira de San Isidro estarán en agosto en Pontevedra. Así o anunciou este xoves Eduardo Lozano, propietario do coso de San Roque, durante a presentación dunha Feira da Peregrina que se caracteriza pola continuidade con respecto aos carteis de anos anteriores. As catro principais corridas serán os días 2, 3, 9 e 10 de agosto.
Daniel Luque, que abriu a porta grande de Las Ventas, encabezará o cartel da faena do sábado 2 de agosto. Lidando touros de Alcurrucén acompañarano dous clásicos da feira pontevedresa, Enrique Ponce e Sebastián Castella. Pola súa parte, Miguel Ángel Perera e Iván Fandiño compartirán touros da gandaría de Victoriano del Río o domingo 3 de agosto. Completará a tarde Julián López, 'El Juli'.
Trátase, sen dúbida, do cartel "estrela" da feira, no que por fin se poderá ver unha figura emerxente compartindo terna coas principais figuras da escala, ata agora reticentes a realizar o paseíllo cun destro que esixe moito aos seus compañeiros de lida.
A denominada 'corrida mediática' celebrarase o domingo 10 de agosto, aínda que nesta ocasión o termo quizais haxa que cambialo, ao substituír matadores máis coñecidos pola súa relación coa "farándula" por outros con maior fondura taurina. Deste modo cae do cartel 'El Cordobés', porque segundo Lozano "no tenía suerte últimamente en Pontevedra". Substituirao Miguel Abellán, que compartirá tarde con Juan José Padilla e El Fandi, con touros de Santiago Domecq.
A corrida de rexoneo, xa consolidada na praza pontevedresa, contará con Andy Cartagena, Diego Ventura e Joao Moura. Será o sábado 9 de agosto con touros de San Mateo. O aboamento complétase co espectáculo ecuestre Soñando a caballo, que terá lugar o venres 15 de agosto.
Os prezos para a Feira da Peregrina mantéñense sen cambios con respecto a anos anteriores. Eduardo Lozano avanzou que "no tocaremos los precios" mentres dure a crise económica. As entradas soltas oscilarán entre os 40 e os 110 euros por corrida (salvo a de picas que custará entre 20 e 100 euros). Os aboamentos para os catro festexos oscilarán entre os 140 e os 400 euros, en función da zona da praza elixida.
As peñas poderán retirar os seus aboamentos entre o 14 e o 17 de xullo, mentres que os días 18 e 19 se reservan para os novos subscritores. A venda de localidades ao público xeral comezará o 21 de xullo. Os despachos da Praza de Touros de Pontevedra abrirán de 10 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas, festivos incluídos.
Nesta ocasión introdúcese, por primeira vez, unha oferta especial para as peñas xuvenís. Os menores de 16 anos pagarán 50 euros polas catro corridas de touros. "Nunca habíamos hecho cosas especiales para la juventud, que no siempre disponen de dinero para poder llegar a los precios que tienen los toros", destacou o empresario.
Ademais, tras un acordo coa Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra, celebraranse dous capeas no mes de xullo que terán entrada gratuíta. Cada unha delas contará con seis becerras. A peña que saia triunfadora de cada capea recibirá entradas gratis para a Feira da Peregrina.
Relacionadas:
-
O concurso nacional de recortadores substitúe ao cuarto festexo da Feira da Peregrina 2015
Por Ramiro Espiño |
-
Daniel Luque triunfa, Sebastián Castella aproveita o favor do tendido e Enrique Ponce decepciona
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Todo a punto para o inicio da feira taurina da Peregrina
Por Redacción |
-
Colas para o tendido de sombra
Por Oskar Viéitez |