Catalina González non volverá presentarse á alcaldía de Sanxenxo, segundo anunciou Louzán
Por Redacción
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Rafael Louzán, confirmou este luns que a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, lle comunicou o seu desexo de non se presentar á reelección.
Louzán fixo estas declaracións no Grove, durante a visita que fixo como presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, para coñecer as obras de rehabilitación e reforma integral do edificio da confraría de San Martiño que a institución provincial está a punto de rematar cun investimento de 260.000 euros.
"ÿ unha decisión que creo que ela ten tomada", dixo Rafael Louzán, referíndose a Catalina González, "a alcaldesa xa me trasladou nalgunha das entrevistas que tivemos que esa era a súa folla de ruta, rematar este mandato e que probablemente non se volvería presentar".
Inmediatamente o mandatario provincial engadiu que "non teño máis nada que agradecer de corazón todo o labor que ela ten feito, primeiro como concelleira e agora como alcaldesa de Sanxenxo".
Ao concluír este mandato Catalina González cumprirá case nove anos á fronte do Concello de Sanxenxo e 20 formando parte da corporación local.
"Teño que agradecer todo o traballo que ata aquí fixo e vai seguir desenvolvendo Catalina González e todo o seu equipo, non exenta ademais de dificultades dende o punto de vista económico, entre outros", dixo Louzán, sen facer referencia ningunha ás imputacións por suborno, prevaricación e trato de favor na construción dunhas vivendas en Dorrón, Bascuas e un bloque de edificios na rúa Progreso.
RELEVOS
O presidente provincial do PP pontevedrés cre que "é prematuro falar de relevos" e recordou que "faltan trescentos e poucos días para as eleccións municipais" polo que será "pasado o verán" cando o PP empece a preparar "todo o que se refire ás candidaturas de cara ás próximas eleccións municipais".
O Partido Popular tamén ten pendente a celebración do congreso local do partido que non se convoca dende a marcha no ano 2006 do anterior alcalde Telmo Martín.