Perde un móbil de 460 euros e inventa que llo roubaron para cobrar do seguro
Por Natalia Puga
Simular delitos ou presentar denuncias ou acusacións falsas pode rematar indo en contra do propio denunciante. A xogada pode acabar mal e se a Policía descobre o engano, terá consecuencias penais. A alerta envíaa a Xefatura Superior de Policía de Galicia tras tres casos rexistrados na última semana en Pontevedra e Santiago de Compostela.
No caso de Pontevedra, este 21 de novembro a Policía Nacional detivo un mozo que inventara un roubo con violencia e intimidación para conseguir que o seu seguro lle pagase un móbil que, en realidade, perdera.
Este mozo, veciño da cidade, denunciou que camiñaba polas proximidades da rúa A Estrada sobre 12.50 horas do 15 de novembro cando foi abordado por dous individuos estranxeiros duns 20 anos. Segundo aseguraba no seu testemuño, empurrárono contra un vehículo e subtraéronlle un teléfono móbil valorado en 460 euros.
A Policía Nacional comezou as investigacións e cando o chamou a declarar de novo para esclarecer totalmente os feitos, recoñeceu que presentara esta denuncia falsa porque perdera o teléfono e o seguro lle cubría a adquisición dun novo. Inmediatamente foi detido e imputado por un delito de denuncia falsa, tendo que comparecer ante o xuíz.
Dende a Policía sinalan como significativo que, neste caso, o denunciante descoñecía as consecuencias que leva consigo a realización dunha denuncia falsa ou simulación de delito. Ven que é "unha realidade que se repite nas oficinas de denuncias" de toda Galicia.
A Policía: "non hai que esquecer que estas prácticas se consideran intentos de estafa"
A Policía recorda que "non hai que esquecer que estas prácticas se consideran intentos de estafa e, en moitos casos, estafas consumadas, pois mentres que rematan as investigacións xa cobráronse as indemnizacións".
Indica, así mesmo, que o Corpo Nacional de Policía investiga todas as denuncias que se procesan a través da oficina de denuncias e atención ao cidadán para esclarecer o feitos delituosos denunciados e chegar á identificación e detención dos presuntos autores. E non abonda con intentar retirar a denuncia.
A simulación de delito é unha infracción tipificada no Código Penal que consiste en denunciar ser responsable ou vítima dunha infracción penal inexistente, o que, unido a que a primeira obriga da Policía é comprobar os feitos denunciados ou coñecidos, fai que con certa frecuencia, persoas que incorren neste delito teñan que responder penalmente por iso, decatándose sempre á autoridade xudicial. Advírtese que no caso de ser procesado xudicialmente por estas malas prácticas, queda constancia de antecedentes policiais.