Subvencionan con 50.000 euros a once entidades de iniciativa social do municipio
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra subvenciona con preto de 50.000 euros o labor de 11 entidades de iniciativa social do concello de Pontevedra. Así llo comunicou este mércores a deputada Ana Isabel Vázquez aos responsables destas asociacións, cos que mantivo un encontro na Sala de Xuntas do Pazo Provincial.
Os proxectos que as entidades de Pontevedra presentaron para acollerse ás axudas da Deputación para servizos sociais especializados nesta ocasión céntranse fundamentalmente na garantía dos recursos básicos para a subsistencia, en proxectos de formación e inserción laboral e en terapias de rehabilitación e mellora da saúde.
Céntranse fundamentalmente na garantía dos recursos básicos para a subsistencia
Así, a Sociedade San Vicente Paúl-Virxe Peregrina recibirá 6.000 euros para o mantemento do seu albergue Calor e Café no que ofrece cama, alimento e a posibilidade de asearse a persoas en situación de necesidade.
A mesma cantidade recibirán a Asociación de Down Pontevedra Xuntos, para o seu proxecto de Formación Laboral orientado á integración no mercado de traballo de persoas con síndrome de Down; a Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos Alba para o seu Taller de Cerámica; a Asociación Española contra o Cancro, para o programa de emerxencia social Necesito o básico e Cáritas Pontevedra, para o programa de Axudas de Emerxencia para Persoas con Baixos Recursos Económicos.
Pola súa banda, a Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos Virgen de la O recibirá 4.322 euros para o seu Centro Especial de Emprego; 4.110 euros irán destinados á Fundación Secretariado Xitano para o Proxecto de Compensación Educativa Externa Chanelar 2014; a Asociación Amizade recibirá 2.643,41 euros para un proxecto de Rehabilitación Funcional e a Asociación Rexurdir, 2.400 euros para a súa Horta Ecolóxica.
Finalmente, a Federación Galega de Asociacións Atención ás Persoas con Parálise Cerebral recibirá 1.000 euros para financiar as bolsas de axudas para gastos correntes e a asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra recibirá 2.000 euros para Terapias Creativas.