Sanxenxo acollerá unha exhibición de "Platero", o coche que conduce só
Por Oskar Viéitez
A idea de viaxar en coche mentres revisamos o portátil ou lemos un libro está cada vez máis preto.
Os días 26 e 27 de xuño celebrarase o terceiro Foro de Innovación Tecnolóxica na Automoción 2014, organizado polo Departamento de Automoción do IES de Vilalonga.
Ao foro asistirán unhas 300 persoas entre profesores e persoal relacionado co mundo da automoción, provenientes de toda a xeografía española. O foro deste ano cambia de formato para facelo compatible cos temas a desenvolver.
Este ano o foro está dedicado á "Condución Autónoma" para iso o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desprazará a Sanxenxo o seu prototipo de coche sen condutor co que se fará unha demostración práctica no circuíto París- Dakart en praia Major.
Fai uso dun sistema de posicionamento moi preciso cuxa marxe de erro non supera os 50 centímetros
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) traerá un novo sistema de condución autónoma que conseguiu percorrer unha ruta sen axuda de ningún condutor humano. O vehículo, que responde ao nome de Platero, fai uso dun sistema de posicionamento moi preciso cuxa marxe de erro non supera os 50 centímetros, e inclúe ademais unha serie de cámaras e sensores que axudan a identificar obstáculos e a situación da calzada.
Todo o sistema de condución está baseado no proxecto Autopía, un traballo iniciado en 1996 e que agora comeza a dar os seus primeiros froitos con esta condución autónoma.
O xoves pola mañá no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, lugar onde se realizarán os relatorios teóricos farase o acto de inauguración con presenza do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, a alcaldesa de Sanxenxo e diversas autoridades académicas. Este ano como novidade incorpórase un espazo de Proxectos de Innovación de FP de Automoción de Galicia, onde os profesores de Galicia expoñerán os seus proxectos.
Ese mesmo día pola tarde nas instalacións do circuíto París- Dakart (aberto ao público en xeral), farase unha demostración de condución dun vehículo sen condutor co coche Platero do CSIC. Paralelamente a esta demostración, os asistentes ao foro poderán probar vehículos de distintas marcas cos últimos avances tecnolóxicos tales como: Sistema de condución automática, Sistema automático de aparcadoiro...
O venres pola mañá nas instalacións do IES de Vilalonga celebraranse os talleres prácticos, que versarán sobre Sistema de condución automática, Sistema automático de aparcadoiro, Visión 360 graos, Sistema Carto Car, Recarga de vehículos eléctricos, SensoresUltrasónicos Uss de Bosch, Pneumáticos novidades Pirelli, Interacción de APPs en Vehículo (Car-Play Mirrolink) na que participan marcas de fabricantes de vehículos e os seus concesionarios, como Bmw, Volvo, Peugeot, Citroën, Renault, Lexus, Ford ou Suzuki
Relacionadas:
-
O IES de Vilalonga celebrará o seu Foro de Innovación Tecnolóxica o 19 e 20 de maio
Por Redacción |
-
O instituto de Vilalonga organiza un foro sobre vehículos autónomos e eléctricos
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo o CSIC, en 2020 os vehículos sen condutor poderán ser unha realidade nas nosas estradas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |