Brigadistas forestais reclaman a contratación de máis efectivos
Por Oskar Viéitez
Os traballadores do Servizo de Defensa e Prevención contra incendios forestais de Galicia da provincia de Pontevedra protagonizaron unha concentración este venres ante o edificio administrativo da Xunta en Campolongo "na defensa do noso traballo e para demostrar o pobo que somos un servizo público necesario e fundamental para a protección do noso patrimonio forestal e ambiental".
Estes brigadistas reivindícanse como "o servizo máis eficaz do estado Español nesta materia", apelando aos datos de Ministerio de Medio Ambiente, reclaman ao goberno galego un reforzo con máis traballadores para manter a súa eficacia.
Estes brigadistas reivindícanse como "o servizo máis eficaz do estado Español"
Denuncian que a Xunta non inviste en persoal e "non cobre as prazas baleiras nin sequera a taxa de reposición mínima do 10% que marca a lei".
Sinalan que o reforzo dos servizos municipais é "malgastar os orzamentos" precarizando as condicións laborais e diminuindo a eficacia do sistema. Igualmente critican a contratación de empresas "que se incorporan ao sistema con dubidosa xustificación".
Segundo o Plan de Defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga 2014), a provincia de Pontevedra contará durante esta campaña cun total de 604 traballadores de terra dentro das brigadas de extinción. Destes só 178 pertencen á Xunta o que supón un 29% dos efectivos teóricos do Pladiga "máis a realidade é que na actualidade destes 178, están sen ocupar 24, polo que a porcentaxe baixa ata o 25%".
Por este motivo os traballadores concentrados, solicitaron que se cubran as 40 prazas do seu servizo nesta provincia "empreñando aos mellores traballadores que son os que están incluídos nas listas de contratación da Xunta".