Mercado en Curros Enríquez para reivindicar un consumo consciente de alimentación e roupa
Por Redacción
Pontevedra reivindicará este sábado un consumo consciente tanto de alimentación como de roupa. Farao da man da ONGD Amarante Setem, o Sindicato Labrego Galego (SLG), o grupo de consumo A Gradicela e A Veiga do Palheiro con motivo da Semana Galega de Comercio Xusto 2014 a través da celebración dun mercado transparente na praza de Curros Enríquez.
Entre as 11.00 e as 14.00 horas, os organizadores achegarán á cidadanía un modelo máis solidario de consumo tanto de alimentación como de produtos textís. Para complementar a concienciación que de por si xa aportará o mercado transparente, promoverase a proxección de documentais relacionados coa situación da muller no sector téxtil e un debate sobre esta materia.
Dende Amarante e o SLG lembran que un mercado transparente é aquel no que todas as persoas que interveñen nel (produtoras, intermedarias e compradoras) teñen a máxima información sobre as condicións do mesmo, e esa información é igual e veraz para todos.
En base a esta concepción, os cidadáns que se acheguen a Curros Enríquez poderán atopar productos tanto de comercio xusto de países do sur como de iniciativas económicas galegas cun criterio ético na súa actividade.
Ademais de ter ocasión de mercar estes produtos, todas as persoas que participen recibirán información das condicións laborais, medioambientais e sociais nas que se producen estes produtos que se consumen de xeito cotiá.
Para isto contarase coa participación de produtoras do Sindicato Labrego Galego e outras iniciativas da contorna, que achegarán á cidadanía produtos frescos e informarán dos beneficios de consumir alimentos de proximidade e naturais en vez dos distribuidos polas grandes empresas multinacionais.