Unións Agrarias asegura que o Pladiga "castiga" os gandeiros, "as verdadeiras vítimas dos incendios"
Por Oskar Viéitez
Representantes de Unións Agrarias cualificaron como "continuísta" o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, Pladiga 2014. Dende este sindicato valoran positivamente que o Pladiga inclúa 79 parroquias galegas con alto risco de incendio, debido a que nos últimos 5 anos teñen unha media anual de máis de 7 lumes.
O secretario de desenvolvemento do sindicato, Jacobo Feijóo, apuntou que "tamén é positivo que se incremente a investigación das causas dos incendios forestais", así como os labores de vixilancia e control "esta medida pode ser moi eficaz nestas zonas, durante as tres semanas nas que se concentran todos os lumes e a relación entre o custo e a eficacia destas medidas pode ser moi importante".
Pola contra criticou a "persecución indiscriminada" dos gandeiros galegos por parte da Xunta, pois as súas explotacións se enmarcan nalgunhas das zonas de maior incidencia de lumes forestais e para as que se prevén máis sancións, ademais da prohibición de pastoreo nos campos queimados durante dous anos despois do lume.
Jacobo Feijóo asegura que con estas medidas a Xunta "castiga as verdadeiras vítimas dos incendios" por este "disparate técnico", mentres que na Unión Europea promoven a gandaría mostrenca como un "elemento fundamental para a prevención dos incendios" xa que evita o crecemento da maleza e os pasteiros serven de cortalumes naturais.
José Ramón González, secretario de Agricultura de Unións Agrarias, insta a Xunta a que inclúa o manexo do gando entre as medidas de prevención do lume no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia. Ademais reclaman que se consulte ao sector.