Louzán cítase esta semana cos hostaleiros para pedirlle a súa opinión sobre o novo restaurante do Museo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra quere coñecer as opinións e posibles aportacións que teñen os hostaleiros da provincia de cara á apertura do futuro restaurante proxectado no Museo e, para iso, convocou a todos os representantes do sector para que coñezan in situ as instalacións este martes 10 de xuño.
O encontro terá lugar ás 11.00 horas e, durante o mesmo, os hostaleiros terán ocasión de plantearlle directamente ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, todas as suxestións que consideren oportunas e que se terán en conta á hora de pechar os pregos que rexerán a concesión do restaurante.
O obxectivo da Deputación é escoitar ao maior número posible de representantes do sector, polo que, tendo en conta as limitacións de horario de moitos hostaleiros, os interesados en coñecer este espazo e facer as súas suxerencias, consultas e achegas, disporán de toda a semana para poder facelo a través dunhas xornadas de portas abertas ata o domino 15. As instalacións do futuro restaurante poderán visitarse en horario de 11.00 a 21.00 horas ata o sábado e de 11.00 a 14.00 o domingo.
Unha vez escoitada a opinión do sector, sacarase a concurso a concesión do restaurante, cuns pregos nos que se terá en conta a opinión amosada polos hostaleiros. O sector poderá trasmitirlle o que pensan ao presidente directamente este martes ou, os que opten por acudir outro día ao Museo, poderán facerlle chegar as súas aportacións á Deputación por vía telemática ou a través do rexistro.
A Deputación comprométese a financiar o mobiliario do restaurante, coa finalidade de que isto non supoña un quebranto para os que desexen optar á concesión.