Unha conferencia de Alfonso Ussía e dúas exposicións conmemoran o aniversario da Brilat
Por Oskar Viéitez
O Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, acolleu os actos conmemorativos do XLVIII aniversario da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable Galicia VII (Brilat).
O escritor e xornalista Alfonso Ussía (Madrid, 1948) foi o encargado de inaugurar estes actos cunha divertida conferencia sobre os poetas do século pasado. Recreándose nas rimas máis enxeñosas dos poetas máis bohemios, como o diplomático Agustín de Foxá, o conde Ciano ou Manuel Fernández Sanz, máis coñecido como Manolito El Pollero.
Tras a concorrida conferencia, que abarrotou o salón de plenos da Deputación, os asistentes percorreron as dúas mostras preparadas no vestíbulo e a primeira planta do Pazo Provincial.
A primeira delas, co título "Milicia, unha historia de Soldados", está composta por 50 obras realizadas por pintores militares que reflicten nos seus cadros diferentes aspectos da vida militar, dende uniformes ata batallas.
Xunto a elas, estará o cadro de gran formato La Patrulla Azor, que o pintor Ferrer-Dalmau doou á Brilat e que se expuxo primeira vez o pasado ano tamén no Pazo Provincial.
A segunda mostra, aloxada na primeira planta, inclúe fotografías e fondos da Sala Histórica da Brilat, de aí que fose titulada como "A Brilat en branco e negro". Imaxes de diferentes acuartelamentos nos que a Brilat estivo presente ao longo da súa historia, do primeiro aerotransporte, fotografías de instrución e adestramento dos primeiros anos da brigada combínanse con: uniformes, armamento, raios de época, máscaras antigás e outros elementos militares cos que contou a brigada nos seus inicios, alá polos anos sesenta.
CONCERTO DE MÿSICA MILITAR
Os actos pecháronse cun concerto no Auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Pontevedra, a cargo da Banda de Guerra da Brilat e da Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín, que interpretaron conxuntamente diversas pezas de música militar.