COVSA, Eiriña, Ferrovial e Dragados, 'favoritas' para executar o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño
Oito das 17 empresas que presentaron ofertas para lograr a adxudicación das obras de desdobramento da Avenida de Vigo foron descartadas ao non cumprir os parámetros de seguridade e control de calidade requiridos para este contrato. Así o avanzou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, trala reunión da mesa de contratación onde se analizaron as propostas recibidas.
Tras unha primeira análise por parte dos técnicos municipais, catro empresas postúlanse como favoritas para facerse con este contrato. Trátase, por esta orde, de COVSA (que forma UTE con EC Casas), Eiriña, Ferrovial e Dragados. Son as ofertas que máis se axustaban ao requirido. As outras catro compañías que pasaron o primeiro corte, aínda que lonxe das anteriores, foron CRC Xermolo, Acciona - Ramírez, Elsamex, Vías y construcciones SA e Sacyr.
Espérase que a proposta da mesa de contratación, que deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno local, se coñeza a próxima semana. Será despois de que os servizos técnicos do concello revisen agora as ofertas económicas e as melloras que propón cada unha destas empresas.
Segundo Raimundo González, todas elas fixeron unha oferta económica á baixa. Cumpriron co límite máximo permitido, un 9% con respecto ao prezo de licitación, polo que propoñen executar o desdobramento cun investimento de 3.782.010 euros. A diferenza entre elas, que é onde unha ou outra logrará o contrato, está nas melloras recollidas en dita oferta. Poden ser unha, varias ou todas as propostas polo Concello de Pontevedra.
As melloras recollidas na licitación son, entre outras, a reurbanización da avenida da Estación, a permeabilización do novo viario coa avenida de Vigo, así como a reforma da rotonda de Fernández Ladreda ou a reurbanización da avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
Covsa-EC Casas desdobrarán a avenida de Vigo por 4,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas ofertas do desdobramento da Avenida de Vigo son "anormalmente baixas", segundo os técnicos
Por Redacción |
-
As ofertas para o desdobramento da avenida de Vigo péchanse en 17
Por Redacción |
-
O desdobramento da Avenida de Vigo, listo para a súa licitación
Por Alejandro Espiño |