Culpable de violación de morada un pontevedrés por entrar na casa da súa ex cando estaba co seu novo noivo
Por Natalia Puga
Un xurado popular declarou a un veciño de Pontevedra culpable dun delito de violación de morada por entrar sen permiso no piso que compartira coa súa ex esposa cando xa se separaran, utilizando unha copia das chaves para a que non lle deran consentimento e nun momento (as 23.30 horas da noite) no que a muller estaba no dormitorio coa súa parella actual.
O home, R.R.C., foi xulgado este venres por un xurado popular e, tras unha hora de deliberación, todos os membros do tribunal decidiron por unanimidade que é "culpable de entrar en una morada ajena sin habitar en ella y sin consentimiento".
O xurado foi unánime ao concluír que o home entrou sen permiso e que cando a súa ex muller e o seu novo noivo o sorprenderon se resistiu a abandonar o piso. Non considerou probada, non obstante, outra das circunstancias que mantiveron durante o xuízo a fiscal do caso, Marta Durántez, e o avogado da acusación particular: que o home entrou ao dormitorio da vivenda. Neste punto, o xurado detectou contradicións.
Unha vez dado a coñecer o veredicto do xurado, a fiscal mantivo para o acusado a mesma petición de condena coa que chegou ao xuízo. Pide ao presidente da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, José Juan Barreiro Prado, que dite unha sentenza condenándoo a dous anos de prisión e a unha orde de afastamento de 300 metros da vítima durante cinco anos.
Fiscal: "La última medida que queda es el ingreso en prisión para garantizar la paz y tranquilidad de la misma (la mujer)"
A fiscal insistiu na "gravedad de la conducta" do acusado e en que quebrantou reiteradamente a orde de afastamento da súa ex muller que ten na actualidade (a última vez hai escasos días) e que coa súa actitude demostrou que non ten ningún "propósito de corrección". Sobre a base deste comportamento, considera demostrado que a medida preventiva de afastamento non foi suficiente e "la última medida que queda es el ingreso en prisión para garantizar la paz y tranquilidad de la misma (a muller)".
O avogado da acusación particular, que exerce a ex muller e vítima, se adhire á petición de condena da fiscal mentres que o avogado da defensa pide unha sentenza na que lle impoña a pena mínima recollida no Código Penal para este delito, seis meses de prisión.
Os feitos dos que foi declarado culpable producíronse arredor das 23.30 horas do 9 de marzo de 2013. A parella mantivera unha relación durante 12 anos e en 2008 romperon, pero seguiron convivindo porque, segundo a muller, "mi hijo mayor no aceptaba que nos separásemos". O 1 de setembro de 2012 ditáronse medidas preventivas polas que o home tivo que abandonar finalmente a vivenda e ela asegura que "tuve problemas para que me entregase las llaves". Xa en xaneiro de 2013 unha sentenza dun Xulgado de Familia fixou que aquel xa non era o domicilio do home, senón só da muller e os seus dous fillos, e non tiña permiso para entrar.
R.R.C. recoñece que entrou na casa, pero asegura que pensaba que o seu ex non estaba e que non sabía que non podía entrar
R.R.C. declarou este venres na Audiencia que coñecía esa sentenza, pero que non sabía que non podía entrar na casa porque en semanas anteriores accedera "porque me mandaba ella". Recoñeceu que entrou, pero explicou que o fixo utilizando unhas chaves que fixera tras duplicar o xogo de chaves que tiña o seu fillo maior para recoller roupa para que levasen os dous nenos ao día seguinte a unha comida familiar.
O home asegurou que pensaba que a súa ex muller non estaba na casa e que, en canto entrou e acendeu a luz ela xa saíu do dormitorio e "dijo: ¿Quién anda ahí? Esto no te lo perdono, hijo de puta. Te voy a meter en la cárcel". Segundo a súa versión, ela "colleume polo pescozo" e non o botou, senón que el xa se foi. Ao chegar ao portal recoñece que chamou insistentemente o telefonillo, pero matiza que o fixo para pedirlle á muller que o metera nunha bolsa pantalóns para os seus fillos.
Fronte a esta versión, a muller explicou que o seu ex marido non acendeu a luz, senón que entrou ás escuras e que o seu noivo e ela estaban no dormitorio e se decataron da súa presenza porque viron unha sombra e logo el tocou un pé do outro varón. Ao decatarse botárono, pero el opúxose a irse e dixo frases como "no lo voy a consentir, eres mía" ou "te quiero, eres solo mía, de nadie más". Tivo que empurralo para que se fose e luegó chamou insistentemente ao telefonillo e ao seu teléfono móbil.
A muller chamou a Policía Nacional, pero cando chegaron os axentes el xa non estaba. Foron a buscalo á súa casa de Campañó e, cando chegaron, el recoñeceu que entrara na vivenda e entregou voluntariamente aos policías o xogo de chaves utilizado, segundo confirmaron os propios funcionarios durante o xuízo.
A vítima e a fiscal mantiveron durante o xuízo que o home a sometía a ela a un "acoso" constante no que a seguía a todos lados, facíalle fotos e chamábaa insistentemente por teléfono. Posteriormente aos feitos xulgados, ten nove denuncias por incumprir a orde de afastamento, segundo el mesmo recoñeceu, aínda que ningunha dela con condena firme.