Xulgan un 'voyeur' pontevedrés sorprendido no armario da súa ex parella
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra será xulgado o próximo 30 de maio por un xurado popular por mirón. Está acusado dun delito de violación de domicilio por supostamente ter entrado sen permiso na casa da súa antiga parella e esconderse no armario do seu dormitorio. A muller estaba deitada en compañía da súa parella actual cando o sorprenderon.
O xuizo celebrarase na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e a Fiscalía pide que sexa condenado a dous anos de prisión e que se lle prohiba achegarse á súa ex parella, ao seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar no que se encontre nunha distancia de de 300 metros, asi como comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos. A acusación que exerce a ex parella e suposta vítima pide que o home sexa condenado a seis meses de prisión.
Os feitos polos que se lle xulgan producíronse arredor das 23.30 horas do 9 de marzo de 2013. Segundo o escrito de acusación do fiscal, o acusado, R.R.C., de 45 anos, actuou con ánimo de vulnerar a intimidade da súa ex parella, coa que estivera a convivir ata seis meses antes e tiña dous fillos menores en común.
A parella, segundo sostén a acusación particular, rompera a súa relación sentimental catro anos antes, pero seguiu convivindo ata o 1 de setembro de 2012. Tras o cesamento da convivencia, ela "tivo que interpoñer reiteradas denuncias polo acoso ao cal foi e é sometida".
A Fiscalía pide dous anos de cadea e a acusación particular seis meses por un delito de violación de domicilio
O acusado, segundo o fiscal, entrou en domicilio dela na avenida deVigo de Pontevedra (o mesmo no que conviviran). Fíxoo contra a súa vontade e ela non se decatou de que o fixera ata que estaba no seu dormitorio deitada en compañía da súa parella actual. Tras decatarse da súa presenza, a muller pediulle que se fose da vivenda, pero el negouse e volveu reiteradamente ao dormitorio.
Finalmente, ela logrou conducilo ata a porta e que abandonase o dormitorio. Ao respecto, a muller sostén que tivo que empurrar o acusado ata a porta e, unha vez que abandonou o domicilio, continuou chamándoa polo telefonillo da vivenda de forma reiterada e tamén ao teléfono móbil. Dada a actitude do acusado, chamou á Policia Nacional, pero cando chegaron os axentes o home xa marchara.
O escrito de acusación formulado polo avogado da vítima recolle que o procesado recoñeceu que fora á vivenda durante a súa declaración no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e engade que o home non tiña chaves da vivenda, de modo que para entrar puido utilizar unha copia de cando residían como parella ou unha chave que substraeu a un dos seus dous fillos.
Despois daquel incidente, a muller presentou denuncia e o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra ditou un auto con medidas preventivas que prohibe ao procesado aproximarse a menos de 300 metros da súa presunta vítima á espera de que se xulguen os feitos.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena a un home que se coou na casa da súa ex cando estaba co seu novo mozo
Por Natalia Puga |
-
Impoñen un afastamento de cinco anos ao home que entrou na casa da súa exparella
Por Redacción |
-
Culpable de violación de morada un pontevedrés por entrar na casa da súa ex cando estaba co seu novo noivo
Por Natalia Puga |