A opinión das empresas será tida en conta antes da concesión do restaurante do Museo
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra someterá á valoración das empresas de restauración o prego de condicións que rexerá o concurso para a concesión da cafetería-restaurante do Museo de Pontevedra. Así o anunciou este venres o titular da Administración Provincial na rolda de prensa posterior á xunta de goberno.
Louzán afirmou que nestes momentos xa está pechada a redacción dos pregos, pero que nos próximos días se convocará a todas as empresas do sector que poidan estar interesadas na xestión do novo restaurante para escoitar a súa opinión, aclarar as posibles dúbidas que teñan e recoller as súas achegas.
O presidente da Deputación incidiu na importancia de escoitar ao sector in situ, co obxectivo de garantir que sexa un éxito ese espazo que queremos abrir ao público de maneira rápida e para que os que queiran optar á concesión deste novo servizo coñezan directamente as características do espazo que se vai habilitar e valoren as alternativas e propostas que poden facer.
Neste sentido, Louzán subliñou que o prego que rexerá a concesión xa establece que a Deputación de Pontevedra se fará cargo de parte do mobiliario que se precise para poñer en funcionamento o local, dado que a situación actual podería desanimar a moitos a participar no concurso se teñen que facer un investimento inicial de varios miles de euros.
Trátase, pois, e segundo afirmou o titular da Deputación, de incentivar a iniciativa privada para que participe no aproveitamento dun espazo que ten que ser un revulsivo para o Museo de Pontevedra.