Agustín Fernández: "Non decidín se serei candidato. Falareino con moita xente, incluídos os que non me votaron"
En apenas 24 horas, Pontevedra converterase na capital mundial do dúatlon. Será a culminación de meses de traballo. Especialmente duro foi o último mes. "Todo o servizo de Deportes do Concello leva un mes vinculado dun xeito ou outro co duatlón", recoñece o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. E é que malia a experiencia acumulada en torneos de todo tipo "un campionato do mundo son palabras maiores".
Con motivo do inicio deste Mundial de Dúatlon, PontevedraViva charla co concelleiro socialista sobre un evento no que se implicou toda a cidade. Pero tamén das axudas aos clubs, a falta de infraestruturas deportivas ou sobre Educación, outra das súas competencias. E como non, da situación do PSdeG-PSOE en Pontevedra, do que é secretario xeral. Será el o candidato á alcaldía? "Non teño unha decisión tomada o respecto", asegura.
Empecemos polo máis inmediato, o Mundial de Dúatlon. Foi un arduo traballo de organización, non?
Aínda que xa temos a experiencia do Europeo de tríatlon e doutras probas de índole internacional coas que conseguimos que as federacións confíen en nós, a organización dun campionato do mundo require un coidado e un agarimo especial en todos os detalles. Entendo que iso poida provocar algún malestar aos clubs da cidade porque hai cousas que se atrasan, pero espero que comprendan que un evento así é suficientemente importante como para que se nos perdoen algunhas cousas.
Cre que Pontevedra está xa situada como cidade de referencia a nivel deportivo?
Temos un prestixio importante. Saben que organizamos ben as cousas, que non somos rañicas á hora de pagar e que poden confiar en nós para a organización de probas deportivas de primeiro nivel. Boa parte dos campionatos que veñen aquí, malia que competimos con outras cidades, acaban en Pontevedra porque temos un plus que é a tradición deportiva e a nosa traxectoria nestes últimos anos.
ÿ máis fácil apostar por este tipo de eventos nunha cidade tan vinculada tradicionalmente ao deporte?
Esta cidade vive o deporte dunha forma particular. Temos máis de 20 escolas deportivas con máis de 2.000 nenos, xente que compite a alto nivel en moitos deportes... E ademais a xente participa activamente en todas estas actividades deportivas. Asumen as molestias que poden ocasionar. Agora co Dúatlon vén xente de todo o mundo a participar e estaremos en medios a nivel internacional. Hai que deixar ben alto o pavillón de Pontevedra.
Citaba antes aos clubs da cidade. Como foi a convivencia con eles neste mandato?
Os clubs de Pontevedra son a forza motriz do deporte na cidade. Non sería entendible organizar este tipo de campionatos se non tivésemos aquí unha masa crítica que nos servise para empuxar nese sentido. E por iso hai que coidalos e consentilos. Pero as circunstancias económicas son as que son. ÿ un equilibrio difícil. Sabemos que os clubs dependen da nosa axuda e fixemos un esforzo por non reducir partidas. Con esa idea, mantivemos os orzamentos deportivos, ademais de que na medida do posible tratamos de colaborar con eles en materia organizativa, de intendencia ou no que necesiten.
Ademais das axudas económicas, moitos deles quéixanse da falta de infraestructuras deportivas. Cales cre que serían esas necesidades?
"Creo que necesitamos un pabellón máis para unhas 1.500 persoas que permitise aliviar ao Municipal e dar cabida a outra serie de actividades"
Temos un déficit importante porque non deixou de crecer o número de clubs e de participantes. Puxemos en funcionamento o pavillón de Lérez, ao que pensamos sacarlle máis rendemento a partir do ano que vén e queda unha obra importante no Municipal, que é o arranxo da cuberta. E manter as actuais tamén nos supón un gran esforzo económico. Pero, sen dúbida, creo que necesitamos un pabellón máis para unhas 1.500 persoas que permitise aliviar ao Municipal e dar cabida a outra serie de actividades.
E o Centro Lúdico da Parda para cando?
Esperamos que en 2015 estea funcionando. Terá un aspecto moi recreativo cunha piscina descuberta, para que a xente o goce, pero tamén terá máis instalacións deportivas. Tivemos moitos problemas técnicos e administrativos e agora por fin estamos na recta final. Igual que coa remodelación integral das piscinas de Campolongo. Ímolas a poñer en primeira liña das piscinas de Galicia.
Se cambiamos clubs deportivos por alumnos e instalacións deportivas por colexios, o panorama é o mesmo, non?
Pois si. Temos 21 colexios e enormes dificultades. Hai moitas cuestións por solucionar, ás veces excedindo as nosas competencias, pero se a administración que debe executalas non o fai, temos que facelo nós. Co diñeiro que temos facemos todo o que podemos. Imos saíndo do paso, pero os edificios van envellecendo e as necesidades aumentando. Plantexaremos á Xunta a firma dun convenio plurianual no que fagamos unha achega económica por ambas partes e fixemos os obxectivos a mellorar.
Ten claras as prioridades de Pontevedra en materia educativa?
Un novo colexio na zona de Valdecorvos. Dixémolo por activa e por pasiva. ÿ necesario polo propio crecemento desa zona da cidade. ÿ imprescindible. Creo que tamén é importante terminar as obras do Froebel, que levan xa moitos anos e aínda lle falta un anaco importante. Pero todos os colexios presentan necesidades imperiosas por solucionar. Cando chegue o verán faremos unha especie de zafarrancho e sacaremos adiante as cuestións máis importantes.
Forma parte dun goberno de coalición que, nos últimos meses, mostrou serias discrepancias internas. Como está sendo esta convivencia?
"A experiencia co BNG foi positiva, pero mellorable. Houbo lagoas e deslealdades que se se ten que repetir esta situación sería bo que se eliminasen"
As discrepancias son normais porque somos dous partidos distintos con dúas formulacións distintas. Pero malia ter serias diferenzas, fomos capaces de buscar puntos de encontro. Sería parvo pola miña banda negar desencontros ou que os seguiremos tendo no futuro, pero fomos capaces de formar un goberno de coalición, que era o que os cidadáns querían. A experiencia foi positiva, pero mellorable. Houbo lagoas e deslealdades que se se ten que repetir esta situación sería bo que se eliminasen.
E con Jacobo Moreira?
Asumiu un reto difícil. Non é doado ser portavoz dun grupo que el non formou. A lista estaba feita a imaxe e semellanza doutro portavoz. Partía dunha situación complicada, iso é innegable. Pero creo que se equivocou na xestión interna do seu grupo e levoulle a unha dinámica de oposición absolutamente equivocada. Colaborou moi pouco connosco, estivo á marxe de participar nas decisións de goberno a través da súa capacidade de influencia noutras administracións onde goberna o seu partido e demostrou que a día de hoxe non ten moita consideración dentro do PP.
Falemos agora do seu partido. Os malos resultados nas eleccións europeas alteran a folla de ruta marcada para as municipais?
A executiva que encabezo leva apenas cinco meses funcionando e estivemos moi condicionados polas eleccións europeas. Pensamos que tras elas estariamos pensando xa nas municipais e en elixir a un candidato ou candidata e pensar en sacar un bo resultado. Pero agora hai un congreso que conleva un traballo interno e orgánico, aínda que iso non nos pode desviarnos do importante, que son os cidadáns de Pontevedra. Con independencia dos nosos problemas internos, os problemas máis graves son o paro, a sanidade, a educación, a falta de servizos públicos... Temos como obxectivo seguir traballando para eles.
Non parece fácil nun PSdeG-PSOE que demostrou certa división interna...
Non sería sinceiro pola miña banda se dixese que non hai dificultades. Pero hoxe en día, sinceramente, temos elementos de cohesión que hai cinco seis meses non tiñamos. Hai diferenzas de criterio dentro do partido que son difíciles de solucionar, pero hai unha boa relación coas persoas que lideraron cuestións diferentes á miña e iso axuda. Sempre hai cuestións internas que reabren feridas e así ás veces é complicado traballar. Pero estou convencido de que imos atopar os puntos de encontro necesarios.
E neste escenario vese como candidato á alcaldía? Gustaríalle liderar a lista do PSdeG-PSOE en maio de 2015?
ÿ unha decisión que non pensamos nin eu nin a executiva. Desde hai tempo estivemos barallando nomes que nos parecen que poden ser unha boa opción. Pero unha cousa teño clara. Agustín Fernández é o secretario xeral. No sentido persoal, dáme igual estar que non estar. Non teño unha decisión tomada o respecto e en todo caso será unha decisión colegiada e logo de telo falado con moita xente, incluídos aqueles que non me votaron. Será entón cando tomemos esta decisión, sexa con Agustín Fernández ou sen Agustín Fernández.