Unha xornada informativa debaterá sobre a tramitación das licenzas express
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Aclarar dúbidas en torno a tramitación das chamadas licenzas express, que rexen o procedemento administrativo para as obras ou aperturas de actividades comerciais, xunto coas obras menores, é o obxectivo dunha xornada informativa que organiza a Tenencia de Alcaldía-Concellería de Urbanismo en colaboración co Colexio de Arquitectos.
A xornada, que se celebrará durante a tarde do próximo 5 de xuño, na Casa das Campás, foi presentada este xoves polo tenente de alcalde, Antón Louro; o presidente dos arquitectos, Manuel Abelleira e o director xeral de Urbanismo do Concello, Xosé Manuel Tato. Está especialmente dirixida a arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e profesionais, pero tamén pode ser moi útil para axentes inmobiliarios, administradores de fincas, emprendedores ou cidadáns que estean pensado en facer calquera tipo de obra menor nunha vivenda ou de acondicionamento dun local comercial.
O programa arrancará ás 17.00 horas por Antón Louro e Manuel Abelleira Argibay. A continuación celebrarase unha mesa redonda con intervención de Xosé Manuel Tato; Mercedes Fernández, xefa do servizo de Urbanismo, e Miguel Rodríguez de Jesús, arquitecto-xefe da Oficina Técnica de Licenzas e Inspección.
Louro explicou que o procedemento das licenzas express foi un éxito administrativo
Louro explicou que o procedemento das licenzas express foi un éxito administrativo, pois axilizou as licenzas e mesmo propiciou o incremento das solicitudes, a pesar da crise económica. Así, en 2011 houbo 169 solicitudes de obras comerciais, mentres que en 2013 (xa co réxime de licenzas express vixente) a cifra subiu a 242. Por outra banda, mentres que durante o ano 2011 rematáronse o 40% dos expedientes, en 2013 a porcentaxe subiu ao 91%.
Non obstante, o tenente de alcalde subliñou a absoluta volatilidade da normativa española e galega nesta materia.