A xuíza do Social decidirá se Garavilla cumpriu a sentenza polo conflicto de Cuca
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra celebrou este mércores a vista para resolver definitivamente o conflito creado hai xa ano e medio, cando a empresa Garavilla trasladou ao Grove a maquinaria e o persoal e pechou a nave de Conservas Cuca de Vilaxoán.
Ante a imposibilidade dun acordo entre as partes, a xuíza decidirá agora se Garavilla cumpriu coa sentenza do xulgado do social e a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que deron a razón ao equipo de Cuca.
Segundo informou o sindicalista de Comisións Obreiras, Francisco Vilar, "a empresa unha vez máis pretendeu facer un terceiro xuízo", e que a xuíza volvese estimar se a fábrica estaba en condicións de volver traballar ou non.
As testemuñas presentadas pola propia empresa recoñeceron que si estaba en condicións de producir. A propia responsable de calidade recoñeceu este mércores que se estaban a producir cuns estándares de calidade aceptados no mercado. Pero a xuíza foi clara nese sentido e recordou que este tema xa foi xulgado, polo que de forma tallante rexeitou toda a exposición sobre as cuestións económicas, produtivas ou sanitarias e limitou a vista oral ao único que cabía discutir neste xuízo, que era se se cumpriu ou non a sentenza.
A empresa Garavilla alegou que entende que se está executada a sentenza ao fretar un autobús para trasladar diariamente ás empregadas ao Grove, na súa xornada laboral e obrigalas a fichar na fábrica de Vilaxoán, onde non se produce nada, "a pesar das perdas que orixina á empresa con hora e media de traslado", argumentou o avogado da firma.
Pola súa banda, dende o equipo entenden que tras o xuízo de hoxe quedou perfectamente claro que a empresa o único interese que tiña era comprar a marca Cuca e "no paquete" ían as traballadoras, e así o recoñeceu o avogado da empresa.
Francisco Vilar asegura que dar cumprimento á sentenza sería repoñer ás traballadoras no seu posto de traballo anterior, cousa que non se fixo, "ao contrario por parte da empresa fíxose todo o posible para que fose inviable, imposible este cumprimento", neste sentido esperan que a xuíza "nos dea a razón".
Durante o xuízo os avogados das traballadoras solicitaron o aprazamento doutro xuízo que estaba sinalado para mañá xoves para modificar o horario. Demanda o equipo de traballadoras unha xornada de 8 da mañá a 13.00 horas e de 15.30 a 19 horas.
A empresa, de xeito unilateral, modificoulles as súas condicións de traballo impoñéndolles unha xornada continuada polo que no seu momento se presentou demanda ante o xulgado ao entender que este cambio ía en contra das condicións laborais.
A data da vista estaba fixada para este xoves 29, pero os avogados das traballadoras solicitaron o aprazamento ao entender que se a xuíza decide que non se dá por cumprida a sentenza terá que repoñer as traballadoras na situación anterior e polo tanto non será necesaria esta vista.