O convenio de Tafisa non obriga a que se manteña na comarca, pero Pontevedra tratará de presionalos
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal espera ter entre as súas mans, no prazo duns días, o informe que encargaron aos seus servizos xurídicos sobre o convenio asinado en 2003 entre o Concello de Pontevedra e a empresa Tafisa. Queren comprobar o grao de cumprimento deste, especialmente con respecto ao compromiso adquirido pola firma de manter os postos de traballo tras a súa saída das beiras do Lérez e o seu posterior traslado a Ponte Caldelas.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, ordenou este informe para que se estude a fondo o convenio, asinado en 2003 e modificado dous anos despois, para comprobar se hai "algún rastro de incumprimento" co que poder premer a empresa pola vía do diálogo ou mediante algún recurso xudicial. "Debemos estar ao lado dos traballadores, pero queremos estar seguro se en virtude dese convenio se pode introducir unha nova variable", explicou.
O convenio do 7 de maio de 2003 inclúe na súa cláusula quinta que Tafisa se compromete a manter o emprego actual dentro da bisbarra de Pontevedra nun prazo estimado de seis meses. E na actualización de agosto de 2005 recóllese, na cláusula cuarta, que a empresa mantén os seus compromisos do convenio de 2003, "concretados a día de hoxe en dúas liñas de tarima flotante, unha liña de revestimento de melamina e unha liña de encolamento na súa planta da Reigosa".
Pero nin rastro dun horizonte temporal como suxerían inicialmente os traballadores. Antón Louro recoñeceu que o convenio non obriga a empresa a manter a súa actividade e os postos de traballo durante un determinado número de anos, o que complicaría poder premer a Tafisa para retirar o ERE extintivo que afecta a uns 60 empregados. Aínda así "se o informe nos di que hai fundamentos para presionar á empresa, o faremos", insistiu o edil socialista.
En todo caso, Louro sinalou que con respecto ao ERE formulado coa empresa quen ten a última palabra é da autoridade laboral, neste caso, a Consellería de Traballo. O convenio, reiterou, recollía a recualificación dos 120.000 metros cadrados que a empresa ocupaba en Pontevedra e que xeraron unha serie de plusvalías económicas tras a súa posterior venda á empresa LAR. Iso e o compromiso "máis ou menos explícito" de mantemento dos postos traballo, aspecto que analizará a fondo o Concello de Pontevedra.
REUNIÿN COA DIRECCIÿN
Os representantes sindicais de Tafisa reuníronse en Vigo coa dirección para negociar o peche da fábrica. A parte da empresa entregou a documentación xustificando as causas económicas mentres que dende o comité insistiron en que cren na viabilidade da empresa. A dirección recoñeceu que este mes lévase unha progresión positiva.
Mañá trasladarán a xunta de accionistas que se celebra en Madrid os datos que manexan os traballadores para intentar manter a actividade. Segundo os representantes sindicais, isto é unha primeira xuntanza e confian en poder achegar posturas.
O 3 de xuño manterán un novo encontro. E este mércores 28 os traballadores realizarán ás 20.00 horas unha manifestación dende os edificios sindicais ata a Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Tafisa solicitan apoios a todos os grupos políticos do Parlamento
Por Redacción |
-
Traballadores de Tafisa xunto ás súas familias maniféstanse contra o peche da fábrica
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Moreira pon a Tafisa de exemplo do "desastroso fracaso" das operacións urbanísticas de Lores
Por Alejandro Espiño |
-
Tafisa inicia a negociación do peche e os traballadores manifestaranse este mércores
Por Redacción |
-
Louro proporá o estudo do convenio de Tafisa para reclamarlle o mantemento dos postos de traballo
Por Redacción |