O deseñador de Ava Gardner, xurado en Debut 2012
Por Redacción
Elio Berhanyer, máis coñecido como o mestre Berhanyer e que ten realizado deseños para actrices como Ava Gardner, será quen presida o xurado de Debut 2012.
Este deseñador de orixe cordobés considerado un dos grandes representantes da moda española no mundo coñecerá de primeira man e avaliará as propostas que presentarán os 15 estudantes da última promoción de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, na pasarela na noite do xoves 22 de novembro.
Nos seus máis de 40 anos no mundo da moda, Elio Berhanyer vestiu a actrices do nome de Ava Gardner ou Cyd Charisse, a personalidades como a raíña Sofía e foi o encargado de deseñar tamén uniformes das Forzas Armadas Españolas ou para as azafatas de Iberia e da Copa Mundial de Fútbol de 1982, combinando a alta costura co pret-à-porter.
A directora da escola, Lola Dopico, engade, nunha información recollida pola Universidade de Vigo, que o xurado o completan especialistas da talle de Israel López, manager de desenvolvemento de produto de Desigual.
Estarán tamén Begum Hande Akcayli en representación do portal WGSN, "o altofalante máis importante de moda e gurú das novas tendencias"; Anna Vallés, xornalista de moda para El País; e Juan Carlos Santos, consultor especializado no luxo e que traballa para marcas como Loewe.
"A presenza de Elio Berhanyer en Debut é unha honra para nós xa que alguén da súa traxectoria e prestixio queira vir a coñecer o que desenvolven os alumnos e alumnas en Esdemga é de vital importancia e toda unha oportunidade", sinala Lola Dopico, que eloxia o compromiso que Berhanyer amosa coas plataformas e accións dedicadas a apoiar o deseño emerxente en España.