A CIG reclama á Fiscalía a investigación de denuncias falsas a sindicalistas
Por Redacción
O sindicato CIG acudirá á Fiscalía para solicitar que "cese a persecución sindical" que, segundo os representantes desta central, se está a producir nos últimos anos. Dende este sindicato indican que nunha das multas imposta, o técnico calígrafo dos xulgados chegou a detectar "irregularidades" nas firmas policiais no trámite da denuncia imposta a Xabier Aboi durante unha protesta en entidades bancarias o 20 de marzo de 2012.
Por este motivo, o xuíz do Contencioso Administrativo de Pontevedra decidiu retirar a multa de 1.200 euros coa que se pretendía sancionar o coñecido sindicalista.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, indicaba que este caso se descubriu "por casualidade" e van presentar unha denuncia ante a Fiscalía para que se investigue se se produciron outras situacións similares debido ás máis de corenta sancións administrativas, que segundo a CIG, se tramitaron a afiliados desta central durante o último ano.
Marcos Conde sinalou que xa solicitaron unha entrevista en Fiscalía para tratar este tema que sitúan dentro do que consideran unha campaña de persecución sindical por parte do Goberno a través dos órganos xudiciais para intentar limitar as protestas dos traballadores.
Dende o sindicato recordan que este xoves, entre as 11.00 e as 12.00 horas, se concentrarán representantes dos tres principais sindicatos ante a Audiencia Provincial para reclamar o cesamento da "represión sindical" que, segundo entenden, se evidenciou coa sentenza que condena a tres anos de cárcere ás traballadoras das piscinas de Campolongo, Ana e Tamara, por pertencer a un piquete e lanzar tinguidura á piscina de Ponte Muíños durante unha protesta sindical.