Identificado por furtar 2.000 euros en xoias do domicilio dunha coñecida
Por Redacción
A Policía Nacional identificou un mozo de 30 anos por supostamente furtar xoias por valor de 2.000 euros do domicilio dunha coñecida e posteriormente vendelas nun establecemento de compra-venda de obxectos usados de Pontevedra.
O home, natural da República Dominicana, ten antecedentes policiais. Os feitos que se lle atribúen producíronse no mes de xaneiro e a presunta vítima é unha muller que acudiu á Comisaría para denunciar que alguén se levara do seu domicilio varias xoias sen chegar a forzar a porta, de modo que sospeitaba que o autor tiña que ser unha persoa que tivese acceso á vivenda.
Os investigadores concluíron que o autor do furto tiña que ser alguén próximo á denunciante e puideron comprobar que un coñecido da muller realizara varias vendas de xoias nun establecemento pontevedrés: unha medalla, tres aneis e unha pulseira.
Este martes 13 de maio a propietaria das xoias foi citada na Comisaría para realizar o recoñecemento fotográfico das xoias vendidas. Ela recoñeceunas, pero non puido recuperalas porque xa transcorrera o prazo no que o establecemento está obrigado a mantelas. As pezas xa foran enviadas a fundición.