Tres aldeas de Cuntis quedan sen teléfono polo roubo de cobre
Por Redacción
Segundo publica o Faro de Vigo, ao redor de 200 casas de tres aldeas de Cuntis sufriron un corte da liña telefónica dende o domingo 18 de novembro debido ao roubo de 200 metros de cable de cobre no polígono industrial da Ran.
Foron os veciños das aldeas de Estacas, Sobrada e Xirei os que denunciaron o corte telefónico. Tras desprazarse o responsable do departamento de Obras, Manuel García, ata a zona alertou a Garda Civil do roubo do cableado. A empresa Telefónica está a tratar agora de repoñer a infraestrutura para que se restaure por completo, nas próximas horas, a comunicación nestas vivendas.
Nos últimos anos é habitual o roubo deste tipo de cableado debido ao elevado valor que o cobre alcanza no mercado. O quilo de cobre pelado pode alcanzar un prezo de cinco euros. A Garda Civil está a investigar o caso. A principios deste mes de novembro foi detida unha banda que roubara nas zonas da Estrada e Moraña.