Volve "Pontevedra Pregunta" para as eleccións europeas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Con motivo da campaña electoral de cara ás eleccións europeas, o movemento cidadán 15-M Indígnate Pontevedra poñerá en marcha as III Xornadas Pontevedra Pregunta, que se realizarán os días 19, 20, 21 e 22 de maio en horario de 19:30 a 23:00 h., no auditorio da Facultade de Ciencias Sociais.
Trátase dun espazo no que a cidadanía poderá preguntar directamente, sen intermediarios, aos candidatos das distintas agrupacións políticas que se presentan a Europa. Os organizadores indican que nestes momentos están a pechar a axenda cos partidos políticos que se presentan para ser distribuídos en catro xornadas consecutivas baixo o mesmo formato.
Primeiramente, darase lugar a unha pequena presentación de cada unha das agrupacións políticas (tempo de exposición: cinco minutos), nos que poderán expoñer o seu programa electoral, os seus obxectivos ou sobre aquilo que poidan considerar interesante para o debate. Finalizadas as presentacións, comezará a rolda de preguntas por parte do público asistente, tras o cal os candidatos terán un tempo de resposta de noventa segundos. Seguidamente, a persoa que formula a pregunta, poderá matizar ou pedir algunha aclaración relativa á resposta, dando paso á correspondente quenda de réplica, para o que o candidato terá outros sesenta segundos.