Louro reprocha un "ataque á autonomía municipal" coa nova Lei de Telecomunicacións
Por Redacción
O tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro, reprocha un "novo ataque á autonomía municipal" por parte do Goberno estatal á vista do proxecto da nova Lei de Telecomunicacións que está a tramitar o Executivo e que prevé eliminar o requisito de licenza municipal para a instalación de antenas de telefonía móbil.
Insiste en que o proxecto non só aparta aos concellos da autorización das antenas, senón tamén aos veciños, pois contempla a posibilidade de expropiar o uso das cubertas dos edificios, introducindo servidumes forzosas. Na sua opinión, resulta "incomprensible" que as antenas poidan instalarse sen licenza municipal e sen autorización das comunidades de veciños.
O tenente de alcalde interpreta que este proxecto de lei é un exemplo máis de que o Executivo estatal "lexisla a prol dos grandes intereses económicos e sen ter en conta os intereses dos cidadáns".
Ademais, alerta de que en caso de que finalmente se aprobe a nova lei implicará a inmediata perda de vixencia do artigo 181 do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra, que imposibilita a instalación nas cubertas dos edificios de elementos alleos a estes. Tamén queda en cuestión a normativa urbanística do Plan Especial do Centro Histórico (Peprica) que prohíbe expresamente as antenas.